?uizais o título do novo disco de Rosa Cedrón non sexa ilustrativo e este traballo en solitario estea nesa encrucillada que precisará da toma de decisións. A presentación de Entre dous mares explicou perfectamente como é este disco de folk moi suave, que abusa algo dos rexistros líricos e que busca con reiteración ese tipo de ambientes intimistas, lentos, nocturnos e case diría que metafóricos. O concerto e o disco corren obvia sorte paralela e hai que entender as dificultades de presentarse nun concerto cun só disco e de limitar o repertorio a ese material discográfico. Unha dirección única foi a marcada polo concerto e case todo o caudal musical apostado no mesmo lado: tentar os matices dunha certa elegancia e chamar polo verniz da sofisticación. Recuperar algúns dos valores melódicos da música tradicional, e algunhas das súas melodías, e pórlles un traxe longo, un traxe para que poidan ser escoitadas nos salóns e nos auditorios. Sofisticar o ailelelo é a escolla de Rosa Cedrón e non é importante se ese cambio de vestiario garda a fidelidade coa orixe porque no fondo a música é para transformar. Como vocal ou como instrumentista Cedrón apuntou sempre na mesma dirección: ese ataque lírico que parece obrigatorio na música galega postfolk, unha certa sensación de música paisaxística con letras simbólicas e todos os elementos que acaban por buscar unha dimensión poética que, cando menos, é innecesaria e case sempre tópica. A cantante foi repasando o disco con parsimonia e non se pode dicir que con ritmo. Un concerto fráxil, leal ao disco e un algo empalagoso cando chegaba contra o fin, marcou a saída do novo disco de Rosa Cedrón decidida a nadar no mesmo mar en case todos os casos. «Entre dous mares»: