Paco Lodeiro traballa na radio, nun programa de humor imitando a personaxes coma Paco Vázquez e Touriño, e é o presentador de Cifras e letras en Telemadrid e ¡TVG, onde conduce ademais O pequeno gran show. «Bruce Springsteen, Queen e Sito Sedes son os meus recordos de boa música», recoñece este galego polifacético ao que aínda lle queda tempo para cantar nunha banda e acaba de rematar un documental sobre Los Satélites. -¿Con que faceta se identifica máis? -O que máis me gusta é cantar, que é o que fago mellor, pero non é co que gaño cartos: a miña banda, La Sonora Callejera, é tabernaria. Gústame todo o que ten que ver con estar con xente e con entreter. Son afeccións que se converten nunha actividade profesional que se pode compaxinar coa de presentador, que é o que da cartos. -¿Está a vivir o seu mellor momento profesional? -Agora mesmo estou un pouco asfixiado. Hai etapas que non se lembran de ti e outras nas que te chaman para todo, en que todos queren o que sae na tele, pero es igual de profesional que hai un ano. -En «Cifras e letras», ¿hai diferenza entre os concursantes galegos e os de Madrid? -En TVG hai menos concursantes maiores por razóns idiomáticas. Os que teñen máis de 40 anos non estudaron galego e non se atreven por non coñecer a normativa. A experiencia é que os que se presentan teñen boas puntuacións. -¿Como se sente en «O pequeno gran show»? -É un caramelo. O meu traballo limítase a presentalo e pásoo coma un anano. É o equipo o que ten que currar toda a semana. -¿Sente que lle queda algo por facer? -En Galicia está pendente un late night [espazo nocturno] como o que facía Buenafuente en Cataluña hai 15 anos. Estou seguro de que funcionaría, pero a televisión é un medio cruel. Se se chegase a facer este programa, non sería chegar e triunfar. -¿Que ve na televisión? -Os debuxos animados, do canle 20 ao 26 de R, que ve o meu fillo todas as tardes; e tamén programas de cociña.