ESTABA na fin do mundo onte ao mediodía diante dunha cunca con café reclinando a cabeza para ver o mar embaixo redondo, antollábaseme, ao pé do cantil cando unha chamada de móbil interrompe ese mirar ñopo para me convidar a escribir unhas frases, estas, contadas, en defensa da concesión das Letras Galegas a un escritor vivo. Vale. Deixo o mar en horizontal como estaba previamente, e comezo a comerme o tarro. Pois miren, que si, que dedicar tal recoñecemento a un escritor vivo daría máis vida ás nosas letras, necesitadas de nervio, de pulso, de saltos do sangue. Engordaría as palabras. Pode. Daría máis vida ao propio escritor.