Xosé Manuel Piñeiro conducirá unha revista diaria de tarde para achegarse aos maiores A cadea estreará estes días seis novos programas de produción galega
09 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.A Televisión de Galicia presentou onte a programación da nova tempada na que hai seis estreas que tratarán de fidelizar aos espectadores tanto pola semana como na fin de semana. Unha das apostas principais é Son de estrelas, que Suso Iglesias, director da televisión, cualificou como «un OT á galega, un concurso de xente que canta con parte de reality», sinalou. Producido por Voz Audiovisual, Teté Delgado será a encargada de conducir este programa no que se elixiu a un representante de cada unha das comarcas galegas (máis un da emigración), ata chegar ás galas onde se seleccionan doce participantes. Suso Iglesias explicou que a intención é emitir o programa os sábados, pero as novas sobre fútbol igual levan a emisión aos mércores. Na nova tempada da TVG convivirán programas tradicionais como Luar, A Revista ou os informativos, con novidades como a primeira teleserie diaria de produción propia ou un programa de sketchs que se emitirá os xoves ás 21.30 horas. Iglesias recoñeceu que despois de certas precipitacións que se fixeron ao principio para cambiar a cadea, agora pénsanse máis os programas. Ademais dos novos programas, Pequeno Gran Show pasará ás sobremesas do domingo da man de Paco Lodeiro, mentres que os directivos da TVG lembraron tamén o cambio de imaxe do Xabarín , «despois de doce anos sen cambiar», indicou Iglesias. Series de fóra como Cara ó vento e Colombo, e un show mensual no que pretende renderse homenaxe a galegos como Ana Kiro ou Andrés Dobarro pechan o cartel de novidades.