Os nenos e a solidariedade, protagonistas da programación de Noiteboa en TVG
TELEVISIÓN
EN GALICIA
22 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.TVG acompañará aos galegos en Noiteboa, tras a mensaxe do Rei, cun especial do Pequeno gran show, presentado por Yolanda Vázquez, Damián Cortez e María Castro. Os nenos habituais do programa sacaranlle aos artistas convidados as súas facetas máis descoñecidas, farán entrevistas aos líderes políticos da comunidade e recrearán o Nadal doutras décadas. No espazo musical actuarán artistas de fóra, como David Bustamante e Soraya, xunto a intérpretes e grupos galegos, como Teo Cardalda, Rosa Cedrón, A Roda ou Susana Seivane, entre outros. Ao redor da media noite, poderase ver na TVG o último espectáculo do Circo do Sol, Alegría; unha montaxe na que a creatividade, as escenografías e os efectos de luz e son mestúranse cos corpos áxiles e as acrobacias do Cirque. A partir das dúas da mañá, a cadea autonómica emitirá un espectáculo multimedia de música, teatro e poesía para concienciar sobre o desenvolvemento no mundo pobre. Presentada por Yolanda Castaño e Paco Lodeiro, a gala da solidariedade Implícate centrará os seus esforzos no microcrédito, un arma económica fundamental para os países máis precarios. Cine para Nadal O día de Nadal, en horario de noite, os galegos poderán ver Harry Potter e a pedra filosofal. a primeira entrega cinematográfica da exitosa serie literaria de J. K. Rowling. Dende o 26 de decembro ao 5 de xaneiro, a franxa matinal do Xabarín Club durará cinco horas (7.30). O martes, incluirá a película O pai de Gokuh. Ademais, o día 26 un especial de Alalá fará un percorrido polas músicas e costumes máis vivos do Nadal galego.