«Agardamos que os políticos fagan realidade a demanda social», afirma Xosé Ramón Barreiro A Real Academia Galega celebrou onte o 115 aniversario dos Xogos Florais de Tui
24 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Tui transformouse onte no escenario da conmemoración do 115 aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia. A transcendencia para a historia e a cultura da primeira mostra da oratoria en lingua galega, fixo que a Real Academia Galega acordara celebrar esta efeméride no marco do centenario da súa constitución, en colaboración co Concello e coa Xunta. Académicos e persoeiros da vida cultural e social así como os representantes políticos municipais fixeron unha homenaxe a aquela exaltación inédita do idioma do país. Daquela, aquel 24 de xuño de 1891, como onte lembraba Xesús Alonso Montero, «a totalidade do público, que non eran poucos, quedaron abraiados, ante os primeiros discursos públicos en galego». A capacidade de convocatoria foi na xornada de conmemoración moito menor. Sen embargo, os actos, ao igual que entón, conxugaron a creación literaria, cos discursos de reivindicación política e a música popular. O presidente da Real Academia Galega destacou o papel e as palabras dos organizadores daqueles Xogos que tiñan como lema Galicia esperta . «Murguía, o patriarca, Alfredo Brañas, apóstolo da galeguidade, e o arcebispo Lago, a participación máis enxebre», sinalou, lembrando que «aquelas palabras seguen vivas e moitos proxectos por cumprir». Xosé Ramón Barreiro referiuse tamén ao momento actual manifestando: «Agardamos que os políticos fagan realidade a demanda social existente, aquelas palabras, alí onde hai lingua, hai nación, teñen que verse reflectidas no Estatuto de Autonomía». Alonso Montero fíxose eco do relato que o seu amigo tudense, Darío Álvarez Blázquez, lle contou e que á vez recolleu do seu pai, testemuña directa, con tan só 14 anos, do primeiro discurso público en galego. Unha emotiva lembranza tamén para os tudenses congregados, ao igual que a de Antonio Cerviño González, «que ofreceu un sermón na catedral o día a seguir, en castelán, pero igualmente rexionalista e o máis avanzado dende o punto de vista da dimensión social», engadiu Alonso Montero. Andrés Torres Queiruga, pola súa banda, evocou ao arcebispo Manuel Lago González: «Un meteoro luminoso que acendeu o ceo galego, unha laparada de lucidez e de fe».