Mon Santiso quere «erradicar» a sesta en Galicia co «Programón»

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACCIÓN

TELEVISIÓN

TVG mantén a aposta polos espazos diarios de produción propia Todas as tardes haberá de catro a seis entrevistas, faladoiros, concursos e consultorios

01 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Mon Santiso inicia esta tarde na TVG unha nova andadura na súa faceta de presentador e, neste caso, ademais, director dun espazo, papel que comparte con Nicolás Rodríguez. Santiso propón aos galegos quedar sen sesta para desfrutar de O programón, un magacín de actualidade para as tardes da semana na televisión autonómica. Dúas horas -de catro a seis- nas que haberá faladoiros, entrevistas, concursos, humor, consultorios... Aínda que o prato forte do programa é a entrevista -que hoxe se fará a unha actriz, presentadora e cantante galega moi coñecida-, o espazo iníciase cun faladoiro de actualidade, especialmente centrado en asuntos sociais. Hoxe, por exemplo, farase un estudo das cifras de tráfico nesta ponte de maio e despois falarase da educación segregada (é dicir, nenos por un lado e nenas por outro). Para departir sobre estes e moitos máis asuntos estarán no estudio María Sierra, avogada; Evelia Carballo e Perfecto Conde, periodistas, e Óscar Pereiro, ciclista. Ademais, pode participar o público, ben por teléfono, correo electrónico ou por SMS para facer oír as súas opinións. Nesta primeira parte, O programón tamén conectará con Chus Lago, alpinista galega que comeza hoxe mesmo en Barcelona a súa aventura a Gronlandia, apoiada por un equipo do programa. Consultorios Mon Santiso contará tamén nesta primeira entrega do seu magacín vespertino -do que a TVG carecía dende hai anos- cun veterinario, Fernando Vázquez, que atenderá as demandas dos espectadores no coidado das mascotas, e Ani González falará das terapias antiestrés. Cada día da semana cambiarán os colaboradores para abordar temáticas moi diversas, dende a nutrición á sexoloxía, pasando pola xardinería. Xunto coa información e o humor -que non faltará ao longo do espazo- O programón terá tamén un concurso para que os seus espectadores desfruten dun premio moi especial.