Un traballo de investigación previo serviu para achegarse á obra de Afonso X Antoni Rossell salienta a importancia da transmisión oral da música medieval
19 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?o romanticismo cara atrás non hai memoria viva da música e toda reconstrución traballa cunha hipótese sobre cómo se interpretaría esa música. Esa é unha das interrogantes arredor das Cantigas de Santa María e o punto de partida para o disco presentado onte polo Consello da Cultura Galega baixo a dirección de Antoni Rossell e co título de Galicia e as Cantigas de Santa María de Afonso X. Cinco anos de proxecto, sete meses de gravacións, zanfoñas creadas a partir das esculpidas no Pórtico da Gloria para o disco, utilización de voces procedentes da música tradicional para cantar e voces poéticas e intelectuais para os recitados completan un disco que pretende recuperar para a gravación o aire da cultura oral que, segundo Rossell, foi a que dominou a música ao longo de case toda a historia. Segundo o responsable da gravación, «non se sabe como se cantaba esta música no tempo en que foi composta». Xusto por esta circunstancia «que afecta a toda a música ata despois do romanticismo» o proxecto desta recuperación comezou por unha investigación arqueolóxica «para poder aproximarnos o máis posible á reconstrución ideal de como se cantaba esta música». A hipótese manexada para esta reconstrución é que a música medieval foi transmitida de maneira oral e seguindo ese proceder Rossell buscou voces procedentes da música tradicional, fundamentalmente Mercedes Peón, para darlle á gravación un tono máis oral. Segundo Rossell, este non é un disco moderno, senón que se ocupa de tentar descobrir como sería a música naquela altura e que, ademais, presta especial atención ás partes das cantigas especialmente relacionadas con Galicia. Para acentuar máis a naturalidade do seu tempo e a forma en que podían ser cantadas estas cantigas, o disco incorpora efectos ambientais relacionados argumentalmente coas composicións de Afonso X. Para festexar esta presentación esta noite celebrarase un concerto no refertorio do pazo de Xelmírez, (entrada pola praza do Obradoiro) a cargo da agrupación responsable da gravación do disco: o Courtly music consort, dirixida nesta ocasión polo propio Antoni Rossell.