«Libro aberto» comezará a súa andaina o vindeiro día 30 O espazo estará dirixido por Luís Rei Núñez e o seu presentador será Manuel Romón
17 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Os libros e a literatura volverán ter un programa específico na Televisión de Galicia. Ata o de agora, a letra impresa só protagonizara un espazo propio - A trabe de ouro , de Víctor F. Freixanes, na primeira etapa da canle autonómica- e pequenos anacos nas emisións culturais ou nos telexornais, como o microespazo Palabra de autor . A TVG ten previsto estrear Libro aberto o vindeiro día 30; os domingos serán a súa data habitual, e a hora, arredor das 12.30 da noite. O programa terá unha duración aproximada dunha media hora e estará presentado por Manuel Romón, quen combina a faceta de escritor coa de coñecer ben o medio audiovisual. Libro aberto ten como director a Luís Rei Núñez, quen explica que o novo espazo responde a un dobre obxectivo da nova dirección da Televisión Galega: un compromiso coa cultura do país e a búsqueda de novos públicos. Segundo o responsable do programa, Libro aberto estará dedicado á actualidade do panorama literario e centrarase nos «autores galegos que escriben en galego», aínda que non en exclusiva, xa que tamén terán cabida entrevistas a escritores noutras linguas que por algún motivo estean de actualidade. A emisión estrutúrase en dous apartados que ocuparán aproximadamente cada metade do espazo. A primeira resérvase a unha entrevista cun escritor que veña de publicar unha obra recentemente, cuxa novidade será o punto de partida para abordar a súa traxectoria con maior profundidade. Na primeira emisión este autor será Agustín Fernández Paz, con Corredores de sombra nos andeis das librerías. Clubes de lectura Unha incorporación novidosa a esta sección será a dos clubes de lectura. Estes colectivos, que se reúnen para compartir as súas impresións sobre unha mesma obra, tamén poderán formular as súas preguntas ao escritor, aínda que no seu caso non asistirán ao plató do programa e a súa intervención será gravada con anterioridade. O clube que interpelará a Fernández Paz é A lonxa literaria, de Moaña. Para o segundo espazo, o correspondente ao 7 de maio, está prevista a asistencia de Manuel Rivas, quen vén de publicar a súa primeira peza teatral, O heroe . A segunda parte caracterízase pola presenza no plató de tres dos varios colaboradores que terá Libro aberto . Na emisión correspondente ao día 30 serán protagonistas dúas traducións ao galego de autores contemporáneos: por unha banda, Laura Caveiro falará de Xuntos e máis nada , da francesa Anna Gavalda, mentres que Xesús Fraga centrarase na última novela do norteamericano Paul Auster, Brooklyn Follies ; ambas as dúas obras foron publicadas en galego por Galaxia. O crítico literario Ramón Nicolás ocuparase do andel de novidades. O programa contará con outros colaboradores: María Xesús Fernández abordará a literatura infantil e xuvenil, Xabier del Valle-Inclán centrarase no ensaio social, a historia da literatura será o campo de Mercedes Queixas, Camilo Franco falará sobre libros de teatro, Miguel Anxo Fernández sobre volumes de cine e Susana Cendán sobre publicacións arredor da arte.