A conselleira admite que a marcha de Ánxeles Cuña é «lamentable, pero inevitable».
11 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A renuncia de Ánxeles Cuña á dirección do Centro Dramático Galego pola imposibilidade de retornar ao seu destino como docente en Ourense é, segundo a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, «lamentable pero inevitable», e abre unha necesaria revisión do regulamento para evitar que, no futuro, se perdan «para o público persoas de valía recoñecida». Segundo expresou a responsable de Cultura da Xunta de Galicia, o punto morto ao que se chegou «evidencia un problema no regulamento» que, desde as súas posibilidades, han «tentar que se corrixa». Bugallo entende que «é un dereito que quen traballa temporalmente para a Administración en cargos de responsabilidade teña garantido o seu retorno ás condicións anteriores». A conselleira indicou que este problema era evidente para todos os grupos políticos e que sería o momento de propoñer un cambio na lexislación. Neste sentido, indicou Bugallo, que ese dereito debería ser extensivo aos que proceden da empresa privada. Para a responsable cultural, a situación creada tras a dimisión de Cuña «non é cómoda». «Nós tiñamos plena confianza no seu traballo, e supón abrir outra vez un proceso de inicio». Bugallo asegura que hai «candidatos» para optar á dirección do Centro Dramático Galego e que no consello reitor do Igaem do vindeiro 17, venres, se coñecerá ao sucesor de Ánxeles Cuña. Para a conselleira de Cultura, o traballo desenvolvido pola xa ex directora do Centro foi «ilusionante e xeneroso». Ánxela Bugallo avalou moi positivamente estes meses de Cuña e asegurou que a súa presenza foi «un revulsivo para unha institución anquilosada e que precisaba moita enerxía». Bugallo indicou: «Non podiamos cometer as mesmas irregularidades que os gobernos anteriores» e lamentou o que considera «unha perda para o Centro Dramático Galego».