Realizarase ao longo de tres anos e pretende investigar as posibilidades artísticas do medio Analizar e crear a partir dos soportes editoriais, son obxectivos desta proposta
31 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O primeiro proxecto que acometerán as tres institucións galegas dedicadas á arte contemporánea, o CGAC, o Marco e a Fundación Luis Seoane, pretende afondar na validez dos soportes da edición e da comuniación como ferramentas artísticas e investigar neles nun prazo de tempo que permitirá aos espectadores asistir a un proxecto que quere ir alén dos límites pechados dunha exposición. Tal como onte salientaron no centro vigués Manuel Olveira e Iñaki Martínez, responsables respectivamente do CGAC e o Marco, o proxecto é pioneiro en primeiro lugar porque está impulsado polos tres centros, pero tamén porque se vai a desenvolver ao longo de tres anos, entre o 2006 e o 2008, cun programa de traballo definido de partida, pero que irá variando en función dos traballos artísticos realizados. Segundo os responsables, a iniciativa responde á inquietude que existe na actualidade no mundo da arte sobre novas formas de comunicación e sobre a utilización de soportes tradicionalmente ligados á edición como materia de investigación artística. Tal e como subliñaron onte e como aparece nos textos previos do proxecto, este non é unha exposición que se repartirá entre os tres centros senón unha investigación completa sobre todas as posibilidades que ofrece a edición como soporte e con todos os complementos necesarios para abordar cada unha delas, desde a prensa, o soporte dixital, a edición particularizada, a edición de artista. Como primeiro paso e como elemento de testemuña, o proxecto conta xa cunha web na que se irán incorporando os contidos de cada unha das accións que se acometen desde os distintos ámbitos da iniciativa. A dirección da web xa en funcionamento é www.proxecto-edición.net