INTERFERENCIAS | O |
24 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.VINTE ANOS fai hoxe a TVG e nin un foguete nin un recordatorio nin unha copa para lembrarllo á sociedade. Sendo mal pensados, poderíase crer que o forno non está para cocedoiras, e mellor nin preparar a masa... Pero poñámonos no mellor dos casos e imaxinemos que non hai fastos nin lembranzas por aforrar cartiños, que sempre veñen ben. Tamén está de moda a falsa modestia, iso de ir tan sobrados que é innecesario reivindicar que existes porque xa o sabe o mundo-mundial. Sen embargo é a Televisión de Galicia, a nosa, a que por mandato estatutario debe comprometerse co país real ao tempo que espello do seu latexar. Por iso semella grave pecado agachar que está nos 20 anos. Claro que, iso non implica unanimidades ao seu arredor. Se unha televisión pública foi sempre tentación para o poder, o xoguete co que levar á sociedade as virtudes e excelencias dos gobernantes de vez (de aí a esperanza na actual reconversión da TVE), no caso da TVG acadou niveis preocupantes que nin o seu positivo papel de motor do audiovisual propio (sobre todo a través da ficción, na que moitas empresas, técnicos e actores galegos, fixeron canteira) e outros acertos illados conseguiron agachar... Pois si, 20 anos, e agora a agardar que sexa unha televisión da que poidamos sentirnos fachendosos malia que nunca choverá a gusto de todos.