TVG estrea mañá unha nova serie, «4.º sen ascensor»

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

TVG

Cristina Castaño, Xulio Abonjo e José Barato, os protagonistas Conta as aventuras de tres rapaces que viven xuntos nunha cidade universitaria

24 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A Televisión de Galicia estrea mañá a serie 4.º sen ascensor, unha comedia de situación protagonizada por tres mozos que viven nunha cidade universitaria. Lucía, Fran e Sebas comparten o piso que dá nome á produción: Cristina Castaño, coñecida xa do público galego pola súa participación en Pratos combinados ou Al salir de clase , é Lucía, que convive con Sebas, o seu curmán chegado da aldea; este non é outro que Xulio Abonjo, que traballou en Terra de Miranda, Entre bateas e Pequeno hotel ; o trío complétase con Fran, interpretado por José Barato, un prometedor actor chegado do mundo do teatro. Esta é unha nova aposta da TVG polas series de produción galega, neste caso de corte claramente humorístico. A televisión autonómica fixo da franxa do prime time (horario de máxima audiencia) o espazo perfecto para as comedias de situación máis urbanas e frescas. 4.º sen ascensor é unha obra na que participa Filmanova, colaboradora en cintas da categoría de Mar adentro ou La mala educación . Neste caso, a serie está dirixida por Beatriz del Monte a partir dunha idea orixinal de Xosé Morais e Ramón Campos.