«Hai tantos cines como idiomas»

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

O gañador do Goya ao mellor actor de reparto departíu cos internautas e asegurou que a consolidación dunha industria cinematográfica galega ten máis que ver cos cartos que co talento

03 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Celso Bugallo recibiu numerosas felicitacións dos internautas de lavozdegalicia.es polo premio acadado nos Goya e polo que supón para o éxito dos intérpretes galegos. -¿O éxito de Galicia nas últimas edicións dos Goya reflicte a actualidade do audiovisual galego ou máis ben débese ao talento persoal dos premiados? -A achega persoal dos actores galegos, cada un pola súa banda, procura dalgunha maneira dar conta dun nivel profesional. O que preguntas débese tanto ao talento dos actores como ao interese presente e futuro que poidan ter os responsables da industria do audiovisual galego. -Nas películas non acostuman a darlle o papel protagonista. ¿Pensa que o seu talento está infravalorado? -O recoñecemento ten unha natureza vinculada aos medios, pero, de calquera xeito, as cualidades naturais dun actor están presentes na súa traxectoria profesional dependendo da capacidade que teña para mellorar co traballo as cualidades que a natureza lle conferiu. -¿Que opina do feito de que veñan directores de fóra a contar as nosas historias? ¿Non temos bos cineastas na nosa terra? -É unha pregunta difícil de responder, pero si hai directores de fóra que ven que aquí hai boas historias que contar, non hai ningún problema porque desenvolvan o seu traballo. Porque cada director, de calquera nacionalidade, ten dereito a contar a súa historia do xeito que considere oportuno. Pero non é certo que aquí non haxa directores capaces de contar temas do seu entorno. Hai un problema fundamental que non só está vinculado ao talento, senón, para ben ou para mal, á economía. -¿Cree que existe o cine galego? -Benquerido amigo, existen tantos cines como idiomas. Outra cousa son as posibilidades para contar as historias e desenvolvelas nunha área cunha cobertura apropiada dende o punto de vista económico. -Felicidades, cando vin «Mar adentro» por segunda vez o personaxe que máis me gustou foi o seu. ¿Onde hai o próximo casting, que eu tamén quero ser actor? -Un casting é unha unidade de selección para un proxecto concreto onde un director busca os actores apropiados. Eu non sei onde se pode producir nestes momentos un cásting porque ese é un problema da productora en cuestión. Se queres ser actor, o importante esencialmente é que o sintas. Este sinal indicarache o camiño para atopar o lugar adecuado onde poidas desenvolver as túas cualidades. Ogallá as teñas. -¿Fernando León de Aranoa o Alejandro Amenabar? -Ámbos os dous. -¿Gústache máis o teatro ou o cine? ¿Con qué traballo estás máis satisfeito? -Os dous medios abarcan as mesmas responsabilidaes para un actor. É verdade que cada medio por separado che require unha conduta sensiblemente distinta pero a disposición esencial é a mesma. En canto á tua pregunta eu síntome tan ben no teatro como no cine porque os dous son un medio de actuación.