A tensión da estrea

Victoria García-Lastra REDACCIÓN

TELEVISIÓN

«A miña sogra e mais eu», a nova serie da TVG dirixida a todos os públicos, arranca o vindeiro luns para contar as aventuras dunha familia capitaneada pola popular Ana Kiro

16 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Na produtora Voz Audiovisual todo está preparado para o comezo o próximo luns, día 20, da serie estrela da tempada. Os nervios ante a inminente estrea invaden o Polígono da Grela coruñés onde se rodan os capítulos, pero no impiden que cada día, entre as tres da tarde e as dez da noite, o equipo de A miña sogra e mais eu filme con ilusión unha das trece historias que van contar desde a pequena pantalla antes de Nadal. O ton humorístico da serie trasládase ao ambiente de rodaxe, onde se grava entre os risos e as improvisacións e as anécdotas vanse sucedendo. Desde a produtora aseguran que a protagonista, a popular cantante galega e presentadora Ana Kiro, afronta con total naturalidade e entusiasmo o que é o seu primeiro papel protagonista como actriz. Primeira tempada A primeira tempada ten un total de vinte e seis capítulos, que irán narrando dun xeito divertido, tenro e para todos os públicos, as andanzas dunha peculiar familia composta pola sogra, a súa filla, o seu xenro e os seus dous netos. Unha das curiosidades que ofrece a nova serie é o título dos episodios: unha famosa película de cine dará nome a cada un deles. O primeiro: A grande ilusión , a mítica longametraxe do director francés Jean Renoir, que foi realizada en 1937. Sorpresa infantil Todo o equipo da serie é unánime á hora de destacar o traballo dos actores máis pequenos: a gran revelación son os nenos. Adrián Seijas (na ficción o neto de Ana Kiro), Laura Méndez e Alejandro Vergara (os seus amigos), sen ningunha experiencia previa no campo, sorprenderán a todos de forma positiva. Tamén o fará a moza Sara Pumar (que interpreta á neta) e Dolores Gippini (a súa inseparable amiga) no seu gran debut na televisión.