Ángel de la Cruz gaña o cuarto Premio de Novela por Entregas de La Voz

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

XURXO LOBATO

A obra, que se publicará en agosto no xornal, presentouse co lema «O descenso do derradeiro ocaso» O xurado valorou a «trepidante dinámica da acción» e o suspense do texto.

22 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

« Arrepentídevos, pecadores! A vinda do Maligno está próxima e, con el, o Final do Mundo ... Gumersindo sempre chegaba puntual á súa cita, cumpridor, fiel, como a vella cegoña que todos os anos volvía ocupar o seu niño no alto da torre do balneario de Trasomundo; era só que Gumersindo regresaba con maior frecuencia, cada día, ás oito en punto da tarde, segundo o reloxo rengo da torre do balneario, para gañar uns pesos baleirando o lixo da vila termal e darlles as boas noites aos clientes coa súa peculiar arenga. Arrepentídevos, pecadores! ». Así comeza a historia gañadora do Premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia, resolvido onte. O gañador é Ángel de la Cruz, quen, baixo o seudónimo de Xurxo Kaplan, presentou o seu orixinal co lema O descenso do derradeiro ocaso . O xurado, que decidiu outorgar o premio por unanimidade, destacou da proposta a «trepidante dinámica da acción, o bo engarce entre os capítulos, a dosificación da información e a correcta estrutura narrativa», segundo consta na acta. A morte na Raia A novela premiada narra a historia de dúas xornalistas, Esther e Xema, que viaxan a unha vila da Raia para preparar unha reportaxe sobre a morte. Alí atópanse co misterio dun home desaparecido, que inxecta unha considerable dose de suspense na historia. O secretario do xurado, Luciano Rodríguez, destacou a habilidade do autor na dosificación da intriga, que crea expectación no lector. Ademais, valorou a contraposición entre os mundos rural e urbano que existe na novela. O certame, que este ano chega á súa cuarta edición, está dotado con seis mil euros e a publicación da obra nas Páxinas Literarias de La Voz no mes de agosto, ademais de na páxina web do periódico, www.lavozdegalicia.es. O xurado estivo formado por Xosé Antonio Perozo, gañador na edición pasada; Xosé Luís Vilela Conde, director adxunto de La Voz de Galicia; Tucho Calvo, redactor xefe de Accións Especiais de La Voz; Ernesto Sánchez Pombo, director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e, como secretario, Luciano Rodríguez Gómez, profesor da Universidade da Coruña. O fallo do premio tivo lugar no transcurso dunha cea literaria que se celebrou no Museo de La Voz de Galicia, e ao que acudiu unha ampla representación da cultura galega, así como das institucións colaboradoras na organización do certame e das Páxinas Literarias do xornal: a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Canal Voz e a editorial Sotelo Blanco.