«As leis de Celavella» acapara os premios na gala do audiovisual galego

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

PACO RODRÍGUEZ

A serie emitida por Televisión de Galicia foi elixida en nove dos vinte galardóns principais «O lapis do carpinteiro» e «Trece Badaladas» premiadas como mellores películas

27 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A serie As leis de Celavella protagonizou a cerimonia do audiovisual galego. O programa de Voz Audiovisual emitido pola TVG conseguiu nove premios nos vinte apartados de producción audiovisual, entre eles aqueles que a destacan como mellor serie, mellor guión, mellor interpretación feminina e mellor actor de reparto. Os galardonados pola súa participación na serie de Voz Audiovisual foron Antonio Pereira, no apartado de dirección artística; Ricky Morgade, no de Fotografía/Iluminación; Susana Veira, en Maquillaxe, e Marta Ante e Ruth Díaz, en deseño de vestido. As leis de Celavella revalida así a súa calidade na súa primeira cita cuns galardóns, xa que o programa so leva dende xaneiro nas programacións da TVG, cun indiscutible respaldo da crítica. A seguinte producción en número de premios foi a película O lapis do carpinteiro , dirixida por Antón Reixa e producida por Filmanova, que conseguiu cinco premios entre as vinte categorías principais dos premios do audiovisual galego. Carlos Amil foi elixido como mellor director por Blanca Madison e Carlos Sedes e Marisol Torreiro foron premiados como mellores realizadores por Terras de Miranda , outra das series de Voz Audiovisual que estaban nominadas. A gala non puido presumir da axilidade con que, se supón, funciona a televisión. A presentación de Javier Veiga serviu para que monologase ironicamente sobre algunhas circunstancias do audiovisual galego.