Un cómic dende as entrañas

Concha Pino SANTIAGO

TELEVISIÓN

Miguelanxo Prado mostra a evolución creativa das imaxes secuenciadas do seu próximo libro, «A mansión dos Pampín», dende os bosquexos ata as tintas e as cores finais

15 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ARQUITECTURA. O novo libro de Miguelanxo Prado establece unha achega ás diferentes tipoloxías arquitectónicas, dende a falta de espazos públicos nas cidades e a densidade do tráfico, ata as chapuzas que se poden atopar en aldeas e en pequenas vilas de Galicia. O autor e creador Miguelanxo Prado mostra na sede compostelá do Colexio de Arquitectos de Galicia o proceso de creación, as entrañas, da súa útima obra, un cómic arredor das diferentes formas de ocupación do espazo público, das opcións arquitectónicas e o seu uso, deixando ver a especulación, as trampas legais e a corrupción urbanísticas. As 40 láminas da montaxe percorren a narración nas fases de bosquexo, debuxo a das tintas e cores dixitais definitivas. Só están os diálogos das primeiras secuencias, pero as expresivas imaxes permítenlle ao espectador seguir case sen erros á familia Pampín, un matrimonio con dous fillos adolescentes no que o pai é taxista e a nai ama de casa. Proxecto Terra A historia que construíu Miguelanxo Prado non é casual. Vai formar parte do material didáctico complementario do Proxecto Terra, unha iniciativa do COAG para proporcionarlles materiais de traballo aos profesores de Ciencias Socias para a análise e a reflexión sobre identidade do territorio, arquitectura e urbanismo. Pero A mansión dos Pampín , que sairá en xullo nun formato estándar de 48 páxinas a toda cor, naceu «coa vocación de funcionar como un libro de cómic normal para un lector non avisado, porque non é infantil, nin didáctico ou divulgativo», suliña o autor. Prado pon o dedo na chaga ao contar en clave humorística as vicisitudes da familia Pampín despois de herdar unha casa con finca na aldea que non contaban e a que queren sacarlle beneficio. A trama leva ao lector polas formas de ocupación urbana, con todo o que comportan de feísmo, falta de espazos públicos, densidade de tráfico, tipoloxías arquitectónicas e usos, e á zona rural e a pequena vila, onde penalizan chapuzas e consenten barbaridades, cun alcalde que quere emular á gran cidade en dotacións e equipamentos, e atraer poboación promovendo urbanizacións de adosados en terreos recualificados con aleivosía e compricidades gañadas con favores. Non faltan o funcionario que aconsella calar o achado de restos dun castro, e aqueloutro ao que silencia o alcalde se fala das vantaxes do turismo ecolóxico. O material didáctico necesario para abordar o estudo e a reflexión sobre a identidade do territorio, a arquitectura e o urbanismo en Galicia.