XA antes dos anos vinte facíase en Galicia unha utilización abondosa do tabaco. Poucos eran os homes que non fumaban: nos traballos do campo, dábaselle ós xornaleiros, a máis da paga, viño e un par de macillos de pitos. Difícil o tiñan as mozas que non querían bicos dos homes «porque me cheiran ó tabaco». As mulleres tiñan vedado o pracer de fumar, agás algunha moi moderna, que «se salía del plato», como a boticaria Inés, que abraiaba a todos coa súa sofisticada boquilla, ou algunha labrega que volvera de Cuba con hábitos extravagantes e dábaselle por fumar puros mentres traballaba na leira. Estaba aínda moi difundido o tabaco en frío, ben do que se mascaba (pracer de mariñeiros e recrutas) e o rapé, po de tabaco empregado para espirrar e «expeler las humedades del cerebro». Tíñanlle moita querencia os fidalgos e abades: en Os camiños da vida, de Otero Pedrayo, don Caetano de Doncos parolaba no seu pazo cun frade de Oseira «ó tempo de ofrecer ó eclesiástico unha toma de rapé». Tamén o abade, carlista connotado, gustaba «de acugular de rapé as nocas e esbirrar con estrondo». Era unha debilidade para don Tomás: «¡Xesús, que ben senta o rapé, quoniam!» Consumo en quente Consumían en quente o tabaco, servíndose de boas pipas, xentes de profesión máis ou menos letrada: profesores, dilectantes como o fantasma Belisario, detectives e psicoanalistas, como Freud, que pagou coa vida este vicio; pero había tamén outras cachimbas máis sinxelas e artesanais que fumaban labregos e recrutas. O tabaco subliñaba as diferencias de clase: as populares farias coruñesas contrapúñanse ós puros habanos que lucían os burgueses con fachenda. Unha cousa eran os cigarrillos con filtro, como os refinados exipcios que fumaban próceres como Casares Quiroga, e outra ben distinta os da clase máis barata, mataquintos, ¡fortes coma o demo!, posto que os mouradores do campo «aprecian su bondad por el grado de fortaleza», que había que picar e esmagar entre entre as mans, para liar con papel Rey de Espadas, segundo un cerimonioso rito. Estaban repletos de «estacas» e impurezas polo que se apagaban continuamente: «¡Recoiro!, gastábase máis en chisqueiro e pedra pederneira que cartos valia o demo do cigarro».