O actor que pon corpo ó párroco de Celavella considera que un personaxe con sotana é como un personaxe con máscara: «faga o que faga, sempre será un cura»
06 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?alvador del Río pon corpo a Don Tomás, un crego que se encarga de conducir espiritualmente o rabaño de Celavella e que, ademais, se ocupa de algunhas cousas que son deste mundo. -Este crego que eu fago tampouco é un crego moi ó uso. Don Tomás é un crego inusual. Ten as súas cousas, pero non ten que ver co xeito en que nós podemos mirar ós curas agora. Está concienciado cos movimentos agraristas, é partidario de abolir os foros e ten claro que a educación é imprescindible para saír da miseria. Non lle gusta que a xente emigre, e sempre que pode intercede para a redención dos foros dalgunha familia. O que pasa é que ten compaxinar todo esto coas súas crenzas, así que o mesmo está rezando coas beatas que loitando para que alguén non pague os foros. -¿Buscou referentes? -Do que eu coñezo, non hai moitos exempros que me valesen, porque este é un cura novo e os que eu coñezo son maiores. Busquei algúns referentes cinematográficos, pero tomeino como un personaxe normal, determinado máis pola súa forma de ser que pola súa ocupación. De todas maneiras, é un personaxe que ten eso que no teatro pode ser a máscara: leva unha sotana e eso define moito, faga o que faga, sempre será crego, non fai falta poñerlle nada a maiores. Xa está definido. -Que a serie sexa dunha época tan próxima e tan desconocida, ¿ponlle dificultades a un actor? -Unha das cousas que me chamou a atención cando empecei a traballar na serie é que pese a non estar tan distante no tempo, sabíamos poucas cousas da Galicia rural dos anos 20. Non tiña moitos referentes no meu caso, así que sigo o contexto tamén tentamos traballar na linguaxe, en non utilizar expresións actuais e de encontrar a naturalidade que se aproxime á época. -Pero debe ser difícil dar coa naturalidade entre as cámaras, gravar, repetir... -É difícil a naturalidade na televisión. Pero hai unha máxima en canto a interpretación: menos é máis. Hai que restar, quitar o exceso de alegría interpretativa. Para o resto, acabas por convivir con toda a xente, porque sempre hai máis xente detrás das cámaras que diante e xa non perturba. Hai veces que chega alguén de fóra e entón pódeste sentir máis observado, pero o resto está todo ó mesmo. -Agora está no reparto de tantas obras de teatro que é difícil non velo actuar. -Agora mesmo case son un actor de repertorio. Acabo de estrear As Troianas con Teatro de Ningures, estou colaborando con Balea Branca en Un tranvía de nome desexo, e colaboro Teatro do Morcego.