A mostra «Stella Peregrinatum» inaugura o programa do Xacobeo

La Voz C. P. | SANTIAGO

TELEVISIÓN

XOÁN A. SOLER

A exposición estará aberta no Museo Diocesano de Santiago ata o 21 de marzo A montaxe reúne 83 pezas que vinculan o Camiño de Santiago coa arte flamenca no século XVI

05 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O Xacobeo inaugurou o seu programa de exposicións coa mostra Stella peregrinantium. A Virxe de Prima e o seu tempo , un percorrido pola expansión que tivo en Galicia a escultura relixiosa inspirada na arte flamenca e feita por artistas dos Paises Baixos que dende finais do século XV á primeira metade do XVI se asentaron en diferentes cidades da Península atraídos polas importantes relacións comerciais e diplomáticas, e polo Camiño de Santiago como vía de comunicación e difusión cultural e espiritual. A mostra xira arredor da talla da Virxe de Prima, realizada en 1526 para a capela do mesmo nome da Catedral de Santiago por Cornielles de Holanda, o máis activo dos escultores que traballaron en Galicia. A maioría das 83 obras que se expoñen no museo ubicado en San Martiño Pinario ata o 21 de marzo estiveron na exposición Lumen canariense , en La Laguna (Canarias). A elas sumáronse unha ducia de pezas galegas feitas por Cornielles de Holanda, que contextualizan a relación xacobea coa arte flamenca, a súa expansión e a renovación do estilo e da iconografía das tallas en madeira e pedra nunha época de cambios estéticos cara ao clasicismo. O comisario de ambas mostras é Francisco José Galante. A exposición ten catro apartados que se abren cunha colección de gravados, tapices e pinturas flamencas que amosan a iconografía da que partiron os escultores. Neste grupo están obras cumbres como A Anunciación, de Roger Van der Weyden, e Ecce Homo, de Jan Gossaet, que introduce o desnudo na arte flamenca. Segue co apartado dedicado a obras das escolas de escultura de Bruxelas, Amberes e Malinas; cunha selección de obras de artistas activos en España e, finalmente coas máis destacados que se atopan nas catedrais de Santiago, Ourense e Lugo, na igrexa de Santiago de Betanzos e na da Trinidade ourensá.