Sechu Sende acadou o Premio Blanco Amor con «Orixe», a historia dun home que combate a morte e a enfermidade a través dos ideais da liberdade.
26 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Sechu Sende investiu tres anos de traballo en escribir a súa primeira novela, e con ela acadou esta fin de semana o Premio Blanco Amor de novela. Sende percibirá por Orixe 12.000 euros e xa recibiu varias ofertas de publicación, que está considerando. Sende escribira relato curto e poesía -«que a pesar da súa carga simbólica sempre tiña a narrativa detrás»- e o tránsito á novela foi un proceso lóxico, aínda que non exento de complicacións: «Escribín a novela en diferentes períodos, algúns bastante conflitivos, como o último, porque partín dunha idea inicial de narración liñal, á que fun engadindo outras accións paralelas». -O xurado definiu a novela como un canto á liberdade. ¿En que consiste? -Eu vexo a novela como un compromiso co ser humano, en todos os ámbitos. Para min, a liberdade é exercer o dereito da liberdade de elixir, tanto na vida cotiá, nas decisións diarias ou no ámbito sentimental, como no nivel de relación social, de ética e política. Na novela a liberdade é un proceso e un horizonte, as expectativas de actuar segundo ideais de xustiza, de solidaridade. -¿Como se concretan eses ideais no libro? -A historia relata a situación de morte e enfermidade dun personaxe que se atopa nunha momento persoal de vertixe. Non ten equilibrio nin perspectiva propia. Non pode mirar aos lados nin ao ceo. E a través doutras persoas, como a súa compañeira, loita contra esa situación a través do ideal de liberdade de actuar como persoa. Despois hai outras historias, nun plano máis social, como a dun apicultor que se configura como líder dun momento libertario, as traballadoras dunha conserveira que se rebelan contra o xefe que as maltrata, ou unha muller que ten a capacidade de cambiar as cousas de sitio.