INTERFERENCIAS | O |
21 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ATA HAI moi pouco, as televisións públicas acostumaban a emitir unha película como homenaxe cando finaba algún persoeiro do cine. Un costume que foi esmorecendo quizáis por desidia, ou o que é pior, pola crenza de que tal xesto era veleno para o share... Cousas da televisión. Co mazazo da morte de Vázquez Montalbán, que era a conciencia de moitas cousas, e tamén o pai do detective galego Carvalho, a TVG amosou refrexos e sensibilidade para programar un Especial arredor do finado. Montalbán deu moitos textos para o cine, o máis recente O misterio Galíndez, que polo visto non acadou a acollida agardada á vista da súa escasa permanencia nas pantallas galegas. En San Marcos emitiron un doblete co telefilme A rosa de Alexandría, con Juanjo Puigcorbé na pel de Carvalho, e unha chea de actores galegos no reparto (magníficos do primeiro ó último, demostrando que temos canteira abondo). Coproducida pola propia TVG, TV3 e outras empresas, entre elas La Voz, confirma o sabido, que o noso audiovisual ten unha incuestionable saída nestes productos se finalmente conseguen abrir mercados no exterior. Completouse coa conversa que A entrevista mantivo hai tempo co escritor. Certo que Canal Plus deu o correspondente Epílogo enlatado para a ocasión, pero o esforzo da TVG merece consideración. ¿Que tal se non fose fror dunha noite?...