Política Lingüística entende que os cambios non afectarán ós seus cometidos Indica que as nova ortografía serve para dar máis opcións ós falantes
14 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A Xunta de Galicia considera que a reforma ortográfica aprobada pola Real Academia Galega o pasado sábado é só unha ampliación de posibilidades e non supón grandes cambios sobre a norma que está agora vixente. Segundo o responsable de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Xesus Pablo González Moreiras, «o que se aprobou non é ningún cambio esencial, é unha ampliación das normas para permitir algunhas variantes». Desde esta perspectiva González Moreiras prefire non valorar as cuestións filolóxicas «porque entendo que a Real Academia Galega ten autoridade suficiente nese campo». O director xeral entende que os cambios responden a cuestións técnicas, pero «desde o punto de vista da normalización lingüística non creo que afecte moito ó noso traballo», aclara. Si considera González Moreiras que «todo acordo de consenso, que elimine diferencias debe ser bo para a normalización da lingua». No mesmo sentido, o director xeral indicou que a falta dun coñecemento máis amplo da reforma «as variacións que coñezo están destinadas a dar maiores posibilidades ós falantes, ben que queiran dicir amable, ben que queiran dicir amábel, pero non supón cambios que verdadeiramente afecten en profundidade á lingua». É a Consellería de Educación a que debe pór en marcha a aprobación por parte da Xunta da reforma normativa aprobada pola Real Academia, pero o titular do departamento, Celso Currás, non tivo tempo, segundo o seu gabinete, de valorar a profundidade e as actuacións que teña que acometer para facer efectiva a reforma.