O autor creou unha historia que mellora a medida que pasa o tempo A novela sitúa en terras de Galicia ós personaxes da chamada Materia de Bretaña ou Artúrica
05 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Son moi curiosos os encontros que se producen con algúns libros. Son obras que chegan á túa vida e deciden quedar nela, como se tivesen entidade propia, e que acaban marcando para o seu lector un antes e un despois. Iso foi o que me ocorreu a min con Galván en Saor . Teño o libro diante miña; é un exemplar da primeira edición (correspondente ó ano 1989) polo que leva comigo nada menos que trece anos. Compreino nunha librería da miña vila natal que hoxe non existe; era na época en que iniciaba os meus estudios de filoloxía e procuraba ler todo canto caía nas miñas mans. Daquela non coñecía o seu autor -Darío Xohán Cabana- máis que de nome e aínda non lera nada seu. Unha chamada ¿Por que merquei este libro e non outro dos que había nos andeis? Porque ese libro me estaba enviando unha chamada mediante un nome: Galván. Cómpre explicar que existe unha irmandade de lectores que se recoñece entre si por claves segretas e que considera ó rei Artur o seu único rei verdadeiro. Eu xa pertencía e aínda pertenzo a ela, polo que abondou ler o nome de Galván, sobriño do rei Artur, para que aquel libro pasase definitivamente ás miñas mans. Doce edicións Hai uns días nunha librería compostelá vin un exemplar de Galván en Saor ó que me acheguei con cariño; ó abrilo decateime de que pertencía á duodécima edición (2001) desta obra. Matinando ó redor disto chego á conclusión de que estas cifras de venda deben significar que a nosa irmandade non deixou de medrar e aínda ha medrar máis con esta nova edición que vén da man de La Voz de Galicia, ó incluílo na súa colección Biblioteca Galega 120. E penso, entón, que cando o Rei Artur regrese, pois ha regresar, seremos moitos os que o estaremos esperando.