Xa temos idade

VICENTE ARAGUAS

TELEVISIÓN

O ano da primeira edición de Entre o si e o non -1967- o mundo, o mundiño, cultural galego aínda non estaba preparado para este tipo de libros. Aquí o que primaba era a poesía social ou de compromiso ou belixerante (por dicilo con palabra cara a Celso Emilio Ferreiro), tan valiosa, tan precisa pero -moito me temo- tan exclusivista e negadora do que fose exaltación da intimidade. Teimosamente persoal Por iso Entre o si e o non , libro teimosamente persoal aínda que extrapolable, lástima fora, á experiencia colectiva, non ía ser acollido co mesmo fervor con que o facían libros moi, moi inferiores. E iso malia a recibir o Premio Nacional de Poesía Rosalía de Castro. Franco Grande, en fin, non se pregaba ás consignas por mais que a súa conducta persoal fose a ton co que esixía o civismo antidictatorial, pero xa se sabe, «amiguiños sí, máis a vaca polo que vale». Cheo de música Entre o si e o non , por outra parte, era un libro cheo de música, pero dunha música silenciosa, que contrastaba moito co ruido ambiental. Un libro de amor e desamor, de esencias humanas, de petar con discreción na porta do faiado escuro que todos nós levamos. Un libro, sen dúbida, para todas as estacións e por iso, xa, un clásico. En Entre o si e o non hai unha referencia a Non ho l'etá , aquela canción de Panzeri e Nisa interpretada por Gigliola Cinquetti. Se cadra en 1967 non tiñamos idade para apreciar na súa xusta medida libro tan fermoso e exacto. Hoxe, seguro que si.