A novela de María Victoria Moreno leva xa trece edicións nos seus catorce anos de existencia O libro foi un dos maiores éxitos dunha obra galega para a mocidade
24 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Anagnórise, de María Victoria Moreno, significou un dos maiores éxitos editoriais dunha obra galega para a mocidade. Editada inicialmente na colección Árbore de Galaxia e escollida posteriormente para comezar a actual serie Costa Oeste da mesma editorial, Anagnórese converteuse nun clásico de obrigada referencia na literatura xuvenil galega; traducida posteriormente ó castelán, eusquera, catalán... é unha das obras que conta cunha maior proxección fóra das nosas fronteiras. Trece edicións Neste momento en que sae á luz na Biblioteca Galega de La Voz de Galicia, chega ás librerías a súa decimoterceira edición, cando se cumpren catorce anos da súa publicación, en 1988; pode ser unha boa oportunidade para que abarque un público aínda máis extenso sen a etiqueta de lectura xuvenil que a acompañou. Ós que temos a sorte de coñecer á autora persoalmente, non nos estraña o apunte que figura ó lado do título: Anagnórise ( Novela de amor ), porque o amor é o sentimento que guía a Victoria en todos e cada un dos seus actos, e como non no de escribir. A súa peculiar concepción do mundo, os valores que marcan o seu camiño, a benevolencia cos demais, a xenerosidade nas relacións persoais, o compromiso da autora cos seus lectores... son trazos que a definen e marcan non só a súa obra senón tamén a súa vida, de maneira que o que Victoria nos brinda vai máis alá do aspecto literario para impregnar tódolos os seus actos. Transgresora Victoria é o paradigma de muller comprometida co seu mundo, coherente coas súas ideas, diverxente por natureza, transgresora auténtica e insubornable en tódolos aspectos da súa personalidade (non sempre ben comprendida e aceptada), mestra de xeracións que seguimos aprendendo do seu maxisteio a súa peculiar e sempre enriquecedora lectura do libro da vida.