Leo Bassi é un tío simpático que gasta moita pasta nas tintorerias. É un neno terrible dos escenarios que diverte ós espectadores meténdolles un pouco de medo e que fai desa provocación unha razón de actuar. No último espectáculo de Bassi, no Festiclwon de Pontevedra, o bufón fala bastante. Non por eso ten menos razón. Apropiouse do monólogo para explicar aquelo que outros non din por respetar os bos costumes ou por non quedar mal cos que pagan. Bassi considera que o mundo cambiou despois do 11-S e que agora é difícil asustar a ninguén advertíndolle que vai a espallar algún material pouco hixiénico pola platea. Algo de razón leva. Chegou ó reverso da conclusión que no seu día tirou Adorno sobre a poesía: despois de Auswichtz non é posible a lírica. Bassi advirte que agora é máis difícil meter ese medo, así que adica unha parte do espectáculo a contar os paradoxos das cousas. Busca nos espectadores a ambigüedade dos razonamentos e bótase ó monte do atrevemento, que non sei se coincide co da sinceridade, pero parece que si. Verdades e contradiccións Leo fala e fala e apunta aquí algunha verdade e aló unha contradicción e non sei se abandona o papel de pallaso ou só o modifica para se converter en monologuista. Chega á conclusión de que, para dicilo aquí sen estrondo, hai unha parte do destino dos USA que estaba escrito no seu pasado. Cando Bassi cala, decídese a non defraudar a esa parte da parroquia que busca no bufón emocións máis fortes. Completamente circense, anda obrigado a facer o máis difícil cada día e, unha vez completado o caso do illote Perejil, é difícil topar esperpentos mellores. Superouse. Primeiro ducha con refresco de cola previamente ben axitado. Segundo terrorismo lúdico para dar emoción e para demostrar que os teatros son menos aburridos do que as súas fachadas fan pensar. Bassi non concibe ós espectadores como xente que vai exclusivamente a escoitar así que os baña cos paradoxos, cos sustos e con esa adrenalina que se descarga cando alguén ameaza con repartir sobre un teatro cheo tres quilos de purísima merda de vaca galega.