LIBRO FUNDACIONAL

La Voz

TELEVISIÓN

24 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

CARME HERMIDA GULÍAS As circunstancias políticas que condicionaron a vida de Galicia dende o século XVI tronzaron, entre outras, as posibilidades da lingua galega de converterse nun idioma románico normalizado e estandarizado. Como consecuencia, a primeira lingua peninsular cunha literatura de seu viu como debía de abandona-lo eido creación literaria, do administración, do uso formal, etc. Despois duns séculos de abandono case total e dun progresivo despretixiamento que tamén afectaba ós seus falantes, durante a Ilustración (séc. XVIII), eleváronse as primeiras voces -con Sarmiento á cabeza- que, con máis ou menos contundencia, retrataron a situación social do idioma, pediron a súa modificación e iniciaron o seu cultivo escrito, aumentado por interese ideolóxico na primeira metade do dezanove. Na segunda metade do século XIX agromou un movemento -coñecido como Rexurdimento- que, argumentando que o idioma galego tiña a mesma orixe cás restantes linguas románicas, reivindicaba o seu uso en tódolos eidos da vida social e cultural. A gaita gallega , publicada por Pintos no ano 1853, é a primeira obra editada no Rexurdimento, aínda que, fronte a outras, esta é bilingüe: un personaxe fala en galego -o gaiteiro- e outro -o tamborileiro, natural de fóra de Galicia- faino en castelán. O gran filólogo portugués J. Leite de Vasconcellos dicía do libro que era «muito raro» e este cualificativo debemos entendelo porque non é unha obra propiamente poética -contén anacos en prosa-; non é propiamente literaria -ten esbozos dunha gramática histórica, dun diccionario etimolóxico, etc.-; é unha mestura de distintas escolas estéticas -é realista, romántica, costumista...-, os poemas son de calidade moi dispar, etc. Malia todo o anterior, A gaita gallega ten un espacio reservado na historia da literatura galega por dúas razóns: por se-lo libro fundacional e programático do Rexurdimento que contén a maior parte dos obxectivos que autores e autoras posteriores se encargarían de repetir ou de facer cumprir; e por se-lo alicerce sobre o que se asentou o edificio da cultura galega letrada que seguimos construíndo na actualidade. CARME HERMIDA, profesora de Ciencias da Información.