«Os lectores son intelixentes»

La Voz

TELEVISIÓN

19 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Ramón Caride di que a súa formación como biólogo ten influído na súa carreira literaria, pero non sempre para ben. «Houbo un tempo neste país -asegura Caride- que parecía que os escritores só podían ser xentes de letras. Eu teño unha formación que se pode considerar científica ou técnica, pero había un estereotipo sobre os escritores e a formación en letras. Polo menos na crítica galega, así que a ciencia ficción semellaba en aquel momento como un xénero mellor. Non era caso único porque tamén me pasou algo similar coa serie negra. Creo que todos estes prexuizos xa non están». -¿Pero influíron na lectura que se fixo da novela en aquel momento? -Claro que si. Moito máis por ser premio Blanco Amor, porque se entendeu mal que o premio fose a parar a unha novela que era descaradamente dun xénero que se tiña por menor. Iso mesmo tendo en conta que a miña intención non foi facer unha parodia do xénero, senón ter en conta as súas normas e contar unha historia. Quizais se fose unha parodia, sería mellor recibida intelectualmente. -¿Entón hai un reparo contra a fantasía científica ou ciencia ficción? -Creo que o reparo é contra todo o que sexa abertamente de consumo popular. Hai unha ambivalencia en Galicia que por unha banda queremos escribir en todos os xéneros, casos de Suárez Abel en Sabor a ti ou Fernández Ferreiro con A morte de Fank González, utilizando xéneros de consumo popular, pero logo non sempre son ben recibidos en medios culturais. Creo que os lectores os reciben ben, o que demostra que moitas veces o lector é máis intelixente cá crítica, porque a crítica xulga moito polo que espera e cre que a literatura galega deber dar uns froitos determinados. -Pero estás sinalando unha diferencia de público. -O que pasa é que Galicia é pequena para que haxa unha diferencia moi grande entre as obras que son masivamente aceptadas e aquelas que van dirixidas a un público minoritario. Hai unha fronteira sen definir e o que acaba por pasar é que todas acaban por estar a un mesmo nivel, nun mesmo lugar e, finalmente, tamén xulgadas polo mesmo patrón.