Un cadáver con misterio

La Voz

TELEVISIÓN

Patricia Ferreira converte nun «thriller» para o cine a obra de Lorenzo Silva «O alquimista impaciente» Debutante con éxito en «Sei quen es», a realizadora Patricia Ferreira deixa o «thriller» político para pasarse ó xénero policial tomando como referencia a exitosa novela de Lorenzo Silva, gañadora do premio Nadal, «El alquimista impaciente». A película, coma a novela, ten como protagonista a unha parella de detectives da garda civil, o sarxento Bevilacqua (Roberto Enríquez) e a súa compañeira Chamorro (Ingrid Rubio). Os dous teñen como misión investigar unha morte no entorno dunha central nuclear.

16 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Con participación galega na producción a través de Continental, o filme reparte a súa estrea en Galicia con varias copias en galego, que nalgunhas prazas serán tamén en castelán. Trátase dunha tentativa de continuar a sólida tradición do cine negro á española a través dunha adaptación que tenta aproveitar os materiais enfiados por Lorenzo Silva a partir da misteriosa morte do xefe de protección radiolóxica dunha central nuclear, en apariencia despois dunha noite tola cunha prostituta. A parella de detectives, famosos xa por outras novelas deste escritor, rematarán mergullándose nunha complexa trama criminal na que aparecerá a mafia rusa, a especulación inmobiliaria sen escrúpulos, a corrupción e tamén o suxerente tema da dobre vida. Como acontece en todo relato policíaco, aparecen os personaxes que calan o que saben, xefes que se impacientan, riscos para os propios investigadores... Na factura final do producto, tentouse a procura dun equilibrio entre os inevitables convencionalismos do xénero, con ideas orixinais que tentan afastar a película da rutina frecuente neste tipo de productos, mesmo traballando a escenografía e a fotografía en dirección a ese obxectivo. No reparto, xunto a Miguel Ángel Solá, Ariadna Ozores ou Ingrid Rubio, destaca a presencia de numerosos actores galegos en papeis secundarios, como é o caso de Antón Mourelos, Carlos Blanco ou María Bouzas, entre outros, e un papel protagonista para outro actor galego xa consagrado, Chete Lera.