«Escribín para os que non ían ó teatro»

CAMILO FRANCO A CORUÑA

TELEVISIÓN

Francisco Taxes, dramaturgo A primeira obra de teatro que Francisco Taxes escribiu foi «O velorio». Foi como chegar e ganar. A obra tivo un éxito grandísimo en todos cantos teatros se representou e aínda hoxe soa no teatro galego como unha obra mítica. Esta obra cumprirá 25 anos no 2003 e o Centro Dramático Galego ten previsto producila con case o mesmo reparto que a estrenou naquel tempo de esperanza e incertidume. Taxes non prestou entón, nin agora, moita atención ó exito, pero cre que se a obra tivo tanta fama foi «porque estaba escrita para que os espectadores se divertisen e os personaxes falaban do mesmo xeito que fala a xente».

14 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Francisco Taxes cre que O velorio non precisa de notas á marxe a pesar dos 25 anos que ten e do moito que cambiou a circunstancia desde o momento en que se estreou. O dramaturgo explica que « O velorio foi escrita durante o franquismo, pero aínda que gustou moito, non todo o mundo entendeu de que ía». Lembra tamén que «de todos os críticos que falaron dela, e falaron moitos, creo que só un portugués entendeu o fondo da peza: a revolución violenta». Segundo Taxes, «aquí non se entendeu tanto ou algunha xente se queixou de que os protagonistas poidesen estar borrachos. ¿E por que non ían estar?, algunha causa tiñan que ter para ir cambiando a súa actitude». -¿Cales eran as súas preocupacións no momento de escribir esta obra? -Unha das cousas que máis me preocupaba era que a xente que non tiña ido nunca ó teatro entendera a obra. Eu quixen escribir para xente que non vai ó teatro, así que escribín da mesma forma que escoitaba falar en Camariñas. Escribín tamén porque naquela época pasaban de cando en vez por alá aquelas compañías que viñan de Madrid e que representaban aquelas cousas de Pemán. A xente ía, sentábase pero a obra lles importaba un cabezón do carallo. Así que eu me propuxen escribir algo que lles guste, que o entendan e falando como eles falan. -Pero ata agora a obra non foi publicada. -Eu pensaba entón, e aínda agora, que a obra para un lector tiña moitos menos atractivos que para un espectador, xusto porque era moi directa e a linguaxe non ten un traballo literario como pode ter Lenta raigame , que ten unha sonoridade e que ó lector pode recrearse nela. Por iso eu sempre pensei que O velorio era para os escenarios. Tamén é importante que a obra estea editada para que a xente teña unha referencia e se poida representar. -«O Velorio» vai volver pronto ós escenarios, ¿non? -Iso me prometeron. -E que espera desa montaxe, porque a circunstancia cambiou dende aquela. -Eu supoño que farán unha copia o máis semellante que poida á que se fixo. -Referíame ós espectadores. -Agora a xente se fixará só no teatral. Non buscarán o trasfondo, nin as claves. Pero creo que funcionará igual, porque a intención principal da obra era divertir, que a xente o pasase o mellor posible. Iso non cambia nunca, así que pode funcionar igual. -No momento da súa estrea a peza tivo un éxito que hoxe case non se cre. -O velorio foi a hostia, a xente rebotaba contra os teatros e quedaban moitos espectadores sen poder entrar. Todo o mundo falaba dela e o asunto ía de boca a orella cunha rapidez incrible, ía un monte de xente en tódaslas partes nas que se representaba, nas cidades e nas vilas. Pero se me preguntas polos motivos últimos do éxito non o sei, supoño que a xente se miraba nela.