Esta columna é unha exhortación, unha proclama, unha apoloxía da supervivencia: abolir o Día das Letras Galegas. Tal acto revolucionario require a colaboración de centos, miles, tres millons de almas dispostas a instaurar un novo credo neste recanto do Noroeste. As letras (a, b, c, d...) son obxectos devaluados e inservibles. Precisan unha primeira conxunción formal para chegar a palabras. Elaboradas as palabras (ácaro, náiade, elemí) arriban os significados. Unha vez construídos estes, o ser humano pode xogar coa súa música para elaborar frases, páxinas, libros. Os libros son poderosos: conteñen o universo e perfilan, crean e recrean, mundos máis habitables e felices (a felicidade, esa grandilocuencia). Os libros son a revolución necesaria. Galicia, ano 2002. Convirtamos o dezasete de maio no Día do Libro Galego. Fagamos exhortacións, proclamas, apoloxías. Busquemos un lugar onde vivan os libros. Acariciemos os libros. Xuntemos os nosos dedos e os seus: hábiles, dúctiles, sabios. En maio, día dezasete, este país debe saír do seu edificio. Obsequiarse a si mesmo en forma de libro. A Galicia luminosa abrirá de par en par os seus brazos. É, simplemente, un modo de sobrevivir. XOSÉ CARLOS CANEIRO é escritor