REMATA UN DESENCONTRO

La Voz

TELEVISIÓN

MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ OPINIÓN

25 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Comparto a idea de que no noso tecido cultural hai moita costura por coser. Non porque previamente houbera rachóns, non. Simplemente que por tradición histórica, por falla de puntos de encontro, ou quizáis por non sentir como propia esa necesidade, os sectores do audiovisual e da literatura galega camiñaban de costas un ó outro, agás excepcións felices e moi recentes, vencelladas a autores como Manolo Rivas ou Suso de Toro, sempre levadas de xeito aillado. Por iso, cando hai dous anos levei á Sección de Comunicación do Consello da Cultura, a proposta de activar un achegamento de ámbolos mundos, sabía que algo poderíamos conseguir se implicabamos ás asociacións de productores e editores nun proxecto común, respaldado polo poder político, que agardamos de froitos no futuro. Pero ademais estaba a necesidade imperiosa da industria audiovisual, galega, española ou europea, de procurarse contidos para levar a imaxes. Sirva como exemplo que as televisións da CEE necesitan miles e miles de horas anuais que, nunha parte moi considerable, non teñen máis remedio que mercar no colonizante hipermercado dos norteamericanos. Mesmo en Madrid se comentaba a necesidade de mirar cara a periferia á busca de materiais frescos. Desde Galicia, desde a súa literatura, substanciosa e diferenciada, pódese contribuir con éxito. Sábese que o convenio non vai ser a panacea universal, pero é un paso. Faise necesario que unha dinámica semellante se instale noutros eidos da creación (a plástica, a música, o deseño...) e mesmo que as institucións culturais abran as súas portas á realidade do audiovisual, peza clave para o desenvolvemento (e mesmo para a pervivencia) cultural dun país.