O Día das Letras Galegas esmorece

RODRI GARCÍA A CORUÑA

TELEVISIÓN

XURXO LOBATO

O vento da indiferencia ameaza con deixar murchas ás mil primaveras que soñaba Cunqueiro para as Letras Galegas. A celebración da data é cada vez máis litúrxica. PARTICIPA La Voz de Galicia abre un correo para recoller as suxerencias sobre o xeito de mellorar esta festa. A dirección é: diadasletras@lavoz.com

17 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

«Esta efeméride ten que ser como un lume que se acende e a recuperación da súa frescura está nas iniciativas que queiramos facer», apuntou Manuel Bragado, director de Xerais, no debate organizado por La Voz de Galicia sobre o Día das Letras Galegas. Fabiola Sotelo, presidenta dos editores galegos; Manuel Caamaño, ex-presidente de O Facho; Xesús Couceiro, libreiro; e Manuel Regueiro, ex-director de Política Lingüística foron os participantes. Un pobo, unha lingua, unha fala e, sobre todo, un símbolo, un icono, un agasallo que, xunto cun libro, identifique a celebración do Día das Letras Galegas máis alá da simple liturxia oficial que ten agora a celebración. «Alá polo mes de xullo a Academia nomea o Santo Patrón das Letras Galegas e despois non hai nada máis ata febreiro, cando sae o cartel e as editoriais empezan a publicar os libros sobre o persoeiro», comenta Manuel Regueiro Tenreiro, ex-director xeral de Política Lingüística. A presidenta da Asociación Galega de Editores, Fabiola Sotelo, entende que a maior parte dos libros que se publican sobre o personaxe ó que se dedica o Día das Letras están pensados nos especialistas e chegan pouco á xente. Manuel Bragado apunta a «competencia feroz» que hai entre as editoriais para publicar eses libros que son «un fracaso comercial absoluto; o que se ve é a publicación escolar que facemos». Bragado opina asímesmo que a declaración do ano dedicado ó personaxe protagonista do Día das Letras Galegas, que fai a Xunta, «foi un fracaso porque despois do 17 de maio acabouse Don Eladio; faise o congreso ritual da Xunta e acábase todo». Baixo índice de lectura Manuel Regueiro lembra que cando o seu departamento, a dirección xeral de Política Lingüística, publicaba mil carteis sobre a data «tiñan moi boa acollida». Na opinión de Regueiro, o feito de que o índice de lectura en Galicia se a moi baixo tamén incide na escasa demanda de libros. Couceiro é tallante: «As subvencións ó libro o que fixo foi destruír o libro galego», algo co que discrepan claramente os editores.