Expertos de Portugal, Normandía e España expoñen en Carnota modelos para cubrir un valeiro histórico Deitada fronte ó mar, como Celso Emilio nun dos seus poemas, Galicia busca un lugar para gardar a memoria das olas rompendo nas rocas, a dos homes curtidos nas cubertas dos barcos, a das mulleres que aman e odian un mar que mata os seus soldados e da vida as familias inquilinas das súas costas. ¿Cómo é posible que Galicia non teña aínda un museo para o mar? Este será un dos asuntos que se tratarán na segunda edición das xornadas internacionais de cultura tradicional que terán lugar en Carnota do 22 ó 25 deste mes baixo o lema de «Andar ó mar». Directores de museos navales de Portugal, Normandía, Asturias e do País Vasco explicarán e debatirán sobre os modelos do funcionamento dos centros que dirixen.
10 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Por se alguén tivera dúbidas da súa importancia, o historiador Dionisio Pereira falará nas xornadas de Carnota sobre o patrimonio marítimo de Galicia e Mathilde Moebs, directora do museo marítimo da illa de Tatihou, en Normandía, explicará A posta en valor do patrimonio marítimo. Socorro Romano, directora do museo naval de San Sebastián, explicará en Carnota o modelo de centro que ten a capital vasca. O mesmo farán Antonio Nabais, director do Museo Etnográfico e Arqueológico de Nazaré, en Portugal, e José Ramón García-López, director do museo marítimo de Asturias, situado en Luanco. O exemplo de San Cibrao «Parece mentira que un pobo como o noso que vive cara á mar non teña un gran museo do mar». Son palabras de Ramón Rivas Villares, responsable do Museo provincial do Mar, de San Cibrao, en Lugo, que, polo de agora, é o «único museo do mar de Galicia», explica Rivas. Este centro, que leva adiante a asociación de veciños da localidade, está aberto desde o ano 1969 e nas súas ateigadas salas poden verse desde maquetas ata cunchas, pasando por aparellos de pesca e unha sección dedicada ás baleas «porque aquí, nos séculos XVI e XVII había caza de baleas», explica Rivas. Nos mil metros cadrados que rodean o museo poden verse anclas, cañóns e demais obxectos pesados. Ramón Rivas apunta que «a ver se é verdade e o de Vigo vai adiante». O proxecto é que a cidade olívica acolla o Museo do Mar de Galicia, algo do que se leva falando desde hai anos. En canto ás xornadas de Carnota, durante as que estarán abertas cinco exposicións e serán proxectadas as películas relacionadas co mundo do mar que foron restauradas polo CGAI, están organizadas pola asociación cultural Canle e a Confraría de Pescadores de Lira, entidades nas que os interesados en participar deberán formalizar a súa inscrición.