A Junta de Castela-León anuncia un convenio coa Xunta para impartir clases optativas de lingua galega O galego será asignatura optativa nos colexios do Bierzo o curso que vén. Así o comunicou o Procurador del Común de Castela-León, cargo semellante o do Defensor do Pobo en Galicia, á asociación Fala Ceibe, con sede en Ponferrada. Xabier Lago, membro de Fala Ceibe explicou onte que a entidade esta satisfeita con este primeiro paso pero entende que é insuficiente xa que debería extenderse tamén o ensino secundario.
21 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O colectivo cultural Fala Ceibe entende que o ensino optativo do galego debería facerse tamén en secundaria xa que, en palabras de Xabier Lago, «temos constatado que cada vez son máis os rapaces que despois van estudiar ás universidades galegas». A extensión en idade das clases de galego debería ir acompañada dunha ampliación xeográfica xa que «esperamos que non sexa so na zona de O Bierzo senón tamén na de Sanabria». A Consejería de Educación da Junta de Castela-León anunciou hai case un mes a súa intención de chegar a un acordo coa Xunta de Galicia para promover o ensino do galego nas provincias de León é Zamora, aínda que daquela o director provincial de Educación na primeira delas, Ángel Lago, sostiña que a medida non sería efectiva para o próximo curso. Agora, despois de que o Procurador del Común se interesou polo asunto, a Junta confirma que si haberá galego optativo. Desde Fala Ceibe recoñécese que no primeiro curso «vai haber pouca resposta» xa que «a Junta non vai facer moita cousa para difundir esta opción». De tódolos xeitos, a asociación ten previsto facer «unha forte campaña no verán e antes de que empece o curso», explica un portavoz da mesma. Un dos actos nos que se está traballando é a celebración do que se chamaría Festa pola lingua que tería lugar en Villafranca do Bierzo e a que estarían invitados escolares, pais de alumnos e galego-falantes de toda a comarca. O movimento reivindicativo do galego no Bierzo foi precisamente tema dunha das moitas actividades que tiveron lugar na última semana en Ponferrada, dentro dos actos conmemorativos da festividade das Letras Galegas organizados por Fala Ceibe.