O día 10 pecha o prazo para o premio de novela por entregas de La Voz, dotado cun millón de pesetas As «Páxinas literarias» que ó longo do mes de agosto do pasado ano ofreceu La Voz de Galicia, convertéronse non só nun espacio moi atractivo para a participación de tódolos lectores con inquedanzas literarias, senón tamén nun magnífico escaparate para o lanzamento de obras de novos escritores que participaron na experiencia.
03 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Nestas datas de primeiros de maio, cando está a piques de pechar o prazo de recepción das novelas por entregas -o vindeiro día 10- e moitos seguidores do periódico preparan xa a súa participación nos Relatos de Verán deste ano, cómpre facer balance do que foi a experiencia do ano pasado e como os que empezaron escribindo alí as súas historias publicaron logo algún libro, individual ou colectivamente. O vindeiro día 10 remata o prazo para a recepción de orixinais que opten ó premio de novela por entregas que convocou La Voz coa fin de publicala en 31 capítulos dentro das Páxinas literarias do próximo mes de agosto. Este certame literario, que conta coa colaboración de Ámbito Cultural, entidade de El Corte Inglés, está dotado cun millón de pesetas e a publicación no xornal, na web (www.lavozdegalicia.com) e, posteriormente, pola editorial Ir Indo para o traballo que resulte galardoado. Relatos dos lectores Doutra banda, entre o 15 de xuño e o 15 de xullo establécese o prazo para recibir os relatos dos lectores (por correo ou a través da dirección electrónica redac@lavoz.com), de tema libre, que non poderán exceder de 40 liñas mecanografadas do corpo 11 e que deberán acompañarse cos datos do autor/a (nome, dirección, teléfono, profesión e, a ser posible, unha breve indicación biográfica e foto de tamaño carné, así como un disquete co texto).