Basilio Losada dalle dous séculos de existencia ó galego, antes de ser «deglutido polo castelán», pero outros lingüístas rexeitan esa morte Cada semana morren no mundo dúas linguas. Neste século que balbucea deixarán de existir os idiomas con menos de cen mil falantes. Son datos que aporta Antón Santamarina, director do Instituto da Lingua Galega, citando un traballo publicado na revista «Time». Basilio Losada, profesor de Lingua e Literatura Galego-Portuguesa, pechou a Semana de Filosofía de Pontevedra dicindo que o galego «morrerá en dous séculos, deglutido por dúas linguas que á súa vez xa están sendo deglutidas por outras: o castelán e o portugués». Alonso Montero, autor dun informe clásico sobre o galego, xa dixo que non ve o galego en perigo de morte.
24 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Basilio Losada insistía onte en que «se a xente non quere mantelo, o galego morrerá, pero non será unha morte súbita, será deglutido e morrerá como morreu o latín». Explica Losada que «o léxico galego está sendo invadido polo castelán e a sintaxe do galego exténdese ó castelán». Deixando claro que «eu non son independentista», Basilio Losada di que «unha lingua non se sostén se non ten un estado detrás» e cita como exemplo que «os xudeus, unha vez que tiveron o estado de Israel, reinventaron o hebreo que era un idioma morto». Tamén lembra o idioma noruego que «en 1904 era falado por duascentas persoas; ese ano Noruega independizouse de Suecia, pasou a ser un estado propio e agora ten unha literatura que acadou catro ou cinco premios Nobel». O experto en lingua e literatura romanesa e profesor da Universidade de Leipzig, Klaus Bochmann, publicou nun dos últimos números da revista Grial, un traballo sobre Galicia e Moldavia ante o problema da lingua. Bochmann di que os dous países presentan «paralelismos sorprendentes en canto ó status e ós debates relacionados con cadansúa lingua» como é «á definición da relación da súa lingua non soamente fronte á dominante senón tamén fronte a língua xeneticamente máis próxima (portugués e romanés, respectivamente)». Bochmann asegura que «nos dous casos, un goberno local frea claramente os procesos necesarios para a normalización sociolingüística». «A Xunta soa non vai salvar o galego; a lingua non é tarefa só dos políticos, nin sequera dos poetas, é traballo de todos nós», afirma Luís Tosar, presidente do Pen Clube galego e a quen non lle parece «o máis axeitado facer declaracións catastrofistas, nin poñer prazos que dependerán do traballo de todos» a favor do galego.