CAMILO FRANCO TEATRO
30 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Sucede que a imaxe máis veraz sobre nós adoita proceder de fóra. Debe ser por eso que Roberto Vidal Bolaño escolleu o texto de Os Pappalagui, editado por Ediciones Positivas, para explicarnos co seu cada vez máis peculiar humor moitas das nosas neuroses. A máis recente montaxe de Teatro do Aquí ten a Vidal Bolaño como pivote absoluto e ó seu humor socarrón, acedo, nervoso e paradóxico como medio de expresión. Máis que unha adaptación do texto, o resultado do espectáculo de Teatro do Aquí é unha personalización. É Vidal Bolaño aproveitando unha forma directa de encandilar ós espectadores que xa probou con éxito en Sen ir máis lonxe. Bolaño toma o texto e, como un vello xastre, faino coincidir coas súas peores intencións de cómico fustigante. Quizáis o de menos sexa, neste caso, se suben ou baixan os ritmos ou se vai sobrado de tempo. O actor, autor, director, viaxa ata os límites dalgunhas normas escénicas para que, utilizando o disfraz de cacique (non ter en conta idea habitual de por aquí) das antípodas, resulte ser máis el que nunca ou non menos el que outras veces. Finalmente, os pappalagui somos nós, pero él é Bolaño personalmente.