«Piñeiro marcou os meus alicerces intelectuais»

E.O. A CORUÑA

TELEVISIÓN

ENTREVISTA: Basilio Losada, catedrático que conserva 200 cartas inéditas de Ramón Piñeiro Con voz cálida e verba áxil, Basilio Losada fala emocionado sobre Ramón Piñeiro. «Foi a miña universidade máis cordial», lembra o catedrático, que o pasado mes de xuño deu a súa última lección na universidade, antes de xubilarse. «Teño máis traballo que antes. Vou escribir moito máis», afirma Losada, que ten diante de si numerosos proxectos. Varios cursos de arte europea en universidades americanas e catro libros sobre a Idade Media ocuparán a próxima etapa do catedrático nado en Láncara.

24 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Basilio Losada, que levou a literatura galega á Universidade de Barcelona, era un rapaz novo cando coñeceu a Ramón Piñeiro. Do intelectual de Láncara, Losada lembra o seu «aire inmensamente tímido, pero tamén inmensamente seguro, cunha gran certeza intelectual». _Mantivo unha intensa relación epistolar con Piñeiro. ¿Publicará algún día esa correspondencia? _Gardo esas 200 cartas como un tesouro inmenso, xa que son testemuño do maxisterio de Piñeiro. Probablemente terei que morrer antes de que se publiquen, xa que son algo íntimo. Nelas falábame de Galicia e respondía ás miñas preguntas sobre persoas como Castelao ou Risco. _¿Que destacaría desas cartas? _Reflicten o estilo de Piñeiro, claro e lúcido, resultado dunha intelixencia xermánica. Vía os problemas baixo unha ollada intelectual. _Esa perspectiva intelectual revelouse tamén na súa concepción do galeguismo. _O galeguismo de Piñeiro era de acción cultural. Quería consolidar a lingua e que tódolos partidos fosen galeguistas. Niso coincide con políticos como Pujol. _O intelectualismo político valeulle fortes discrepancias no ámbito do galeguismo. _As discrepancias viñeron, principalmente, por parte de discípulos seus e debido ó seu antimarxismo. El consideraba que, na práctica, o marxismo fracasaría. E niso foi profético. Tamén foi profético noutras cousas, que nin eu entendín naquel momento. _¿Que queda agora do pensamento de Piñeiro? _Sen el, Galicia non sería tal como a coñecemos hoxe, co respecto que demostra pola súa tradición. _A defensa da lingua era outra das teimas de Piñeiro. _Sen dúbida, a súa figura foi fundamental para superar o complexo de inferioridade lingüística dos galegos. Realmente, o complexo eliminouse coa xeración da democracia. _¿Podemos falar dun idioma normalizado? _Logo de moitos anos, o galego logrou a súa normativización. O que queda agora é recuperar unha consciencia da lingua, que a xente se sinta identificada con ela. _¿De onde pode vir a iniciativa para esa normalización? _Non é cousa dun home. A consciencia colectiva galega poderíase mobilizar en gran medida dende os medios de comunicación. O que me sorprende é a inexistencia de fonética galega na televisión de Galicia.