FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
18 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Alá polos anos cincuenta contou o autor de Leria as relacións que mantivo co poeta de Maranos. Cando comezara a penas a primeira guerra mundial, lía Vicente Risco no Ateneo de Madrid o Mercure de France. Ocupábase alí das letras portuguesas o políglota autodidacta Philéas Lebesgue. Foi entón cando o ensaísta ourensán bateu coa primeira noticia do «saudosismo». Tratábase dun movimento encetado por Teixeira de Pascoaes e definido polo filósofo Leonardo Coimbra. Tempos despois, cando comezaba a revista Nós, Risco escribiu un artigo que mandou a unha revista de Lisboa. Falaba nel da futura civilización atlántica, que opuña bravamente á mediterránea. Tal feito serviulle para entrar en relación co poeta, co filósofo e co propio Philéas Lebesgue. Nunha carta de Pascoaes ó articulista, manifestáballe: «O destino das nosas patrias non está cumprido aínda. Ese destino é, como di moi ben, a creación da civilización atlántica. No outro mundo hai dous espectros que se aman: Rosalía e Frei Agostinho. Confiemos no seu amor, que nos ha redimir. A Saudade é a Virxe tutelar das nosas patrias irmáns. Eu tamén penso que o noso «sentimento saudoso» inclúe unha nova e orixinal maneira de encarar a Vida e o Universo». Para o número inaugural da devandita revista Nós, Teixeira enviou unha Fala do Sol dedicada ós xoves poetas galegos. Por outra banda, o poeta dedicou a Galicia o seu libro Maranos: «Altar de Rosalía e de Pondal / iluminando á lágrimas acesas, / entre pinhaes aos zéfiros carpindo / mágoas do mundo e mysticas tristezas». O poemario viña ser unha personalización escura, inspirada na serra que domina o val do Támega portugués e a aldea do autor. Reflexaba unha impresión final de desesperanza. Era a profecía dun total anicamento de tódalas cousas, ás que só sobreviría a eternal Saudade. Sinalou Risco que o «panteísmo lírico» do poeta prevaleceu entre os membros da súa xeración sobre as formas agudas do vangardismo. Cando os epígonos Manuel Antonio e Amado Carballo, entre outros, se insurrecionaron contra aqueles, a súa novidade xa non tiña o sentido da de Guillermo de Torres, por exemplo. Pero o maxisterio de Teixeira de Pascoaes, máis patente en Galicia que en Portugal, perdera a súa eficacia. A devoción cara el viña ser, nos máis, simple admiración. Por entón, interpuxérase entre Risco e Pascoaes un longo silencio. Desde os Cantos indecisos, quizais o preferido do escritor ourensán, non volveu o seu autor a lle enviar máis libros. Dixéralle este a un amigo común que lle interesaba aínda que receaba da súa reacción fronte ao Sâo Paulo, cuio contido aduviñaba Risco sen o coñecer. Descobrira este aos galegos a figura de Teixeira, pero daquela eran outros os que a cultivaban. Vicente Risco enxuizaba entón ó poeta así: Difícil, pero non indescifrable. De espírito extraordinario e contradictorio. Xenial e paradóxico, aldeano e señor. Ansioso de infinito e apegado ó seu recanto. Na súa análise falaba, ó cabo, dunha anécdota reveladora que o interesado non desmintiu nunca: fuxira a Londres, perseguindo a unha amada esquiva. Regresou decontado, traendo unha tesoura de podar...