A directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) di que o futuro da TVG «é dixital»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Lavandeira jr | EFE

Concha Pombo asegura que os seus vídeos superarán este ano «os 1.000 millóns de reproducións 

20 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), Concepción Pombo, compareceu onte na comisión parlamentaria de control á institución, onde restou importancia á redución das audiencias televisivas «lineais» porque, segundo salientou, o futuro «é dixital».

En resposta a unha pregunta do BNG, destacou o dato, aínda provisional, de que as redes dixitais da corporación van superar este ano, «por vez primeira na historia, os 1.300 millóns de impresións» e os vídeos feitos polos traballadores da TVG superarán «os 1.000 millóns de reproducións en todo o mundo».

Pombo defendeu que nos case seis meses que leva no cargo a corporación pública segue «a folla de ruta marcada pola relevancia en TDT e pola procura de novos consumidores nos novos formatos dixitais». Tamén salientou que a plataforma agalega.gal foi descargada en máis de 200 países e está entre as dez máis vistas do seu tipo en España.

Para o 2026, a intención é dar «máis peso» a esa plataforma con máis directos e estreas de produtos novos, aínda que esas decisións «poden dividir a oferta e penalizarnos en audiencia na canle principal», admitiu. Pese a todo, é algo que se fai «coa convicción de que o futuro e o presente da corporación é dixital».

Tamén asegurou que a CSAG non compite por obter «un dato de TDT lineal que está moi superado pola realidade», senón que «compite nos servizos dixitais e a nivel global» como unha corporación de servizo público de Galicia e «non unha televisión e unha radio convencionais». Advertiu que hai que manter a «relevancia social» dos medios públicos galegos.