Co móbil non rematan os problemas, comeza o conflito

Julio Díaz

SOCIEDAD

Ocho jóvenes con sus teléfonos móviles
Ocho jóvenes con sus teléfonos móviles ViewApart

Uns días antes de Reis, facendo unhas compras nun área comercial, en concreto nunha tenda de telefonía, observei a grande cantidade de pais/nais que estaban a procurar un aparello móbil para os seus fillos. Se atendemos ás estatísticas, a maioría deses móbiles vendidos como churros, foron parar a mans de nenos/as menores de 12 anos. Moitos deses pais seguro que pensaron que o seu labor de resistencia xa ía ben cumprido e que coa compra tamén rematarían os problemas pero, nada máis lonxe da realidade, xa que agora é cando realmente empeza o conflito.

Comezar con bo pé é moi importante. Hai que orientar no bo uso. De non facelo ao principio, reconducilo despois, modificando os malos hábitos adquiridos, adoita ser moitísimo máis complicado. Por iso é crucial iniciarse de forma correcta e tomar o maior número de precaucións para integrar a tecnoloxía da maneira mais moderada e axeitada a súa idade.

É importante quedarse coa idea de que non pode existir barra libre. Hai que sentarse e falarlles dos beneficios que ten o seu uso axeitado pero, por suposto, tamén dos perigos, xa que co móbil pode accederse a contido inapropiado.

A educación dixital é esencial cando se comeza a empregar calquera dispositivo, pero tamén é importante saber que parte da aprendizaxe dos menores é por imitación, dende o nacemento ata o final da adolescencia. Os propios pais debemos facer un uso responsable e crítico desde que o rapaz é pequeno, xa que este o vai interiorizar por imitación. As normas de uso das pantallas, incluída a televisión, onde se pode ver serie tras serie, deberían ser familiares.

Fagamos agora un inciso, e antes de sentir culpa de deixar que o «aparato» se colase na nosa casa, débese saber tamén que a gran maioría das veces os beneficios superan os riscos, se aceptamos as conclusións do informe «Impacto do aumento do uso de internet e redes sociais na saúde mental dos mozos e adolescentes» elaborado por ONTSJ (Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade do Ministerio de Asuntos Económicos).

Agora ben, iso non debe ser ningún consolo para os proxenitores. A OMS recomenda evitar expoñer aos menores de dous anos ás pantallas. O outro día nunha conferencia dunha psicóloga santiaguesa quedei abraiado cando dixo que xa se fabricaban soportes de tabletas para os carriños dos bebés e bandexas-soporte para os andadores. De tres a catro anos, non máis dunha hora ao día e «canto menos mellor». De entre 5 a 17 anos, este organismo aconsella non superar as dúas horas vendo pantallas.

Por iso os pais teñen a responsabilidade de guiar aos seus fillos/as no uso das tecnoloxías e establecer límites. O tempo de uso dedicado aos dispositivos é un deses límites. E non é algo trivial. Os rapaces adictos ao móbil teñen alto risco de sufrir depresión e soidade no futuro segundo un estudo da Universidade de Arizona.

*Julio Díaz Escolante é o presidente autonómico do sindicato educativo ANPE