Cristian Andrade e Alberto Rolán: «Se non funcionamos como parella, deberiamos quedar como amigos»

m. j. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Cristina Andrade e Alberto Rolán, en «Saudade de ti»
Cristina Andrade e Alberto Rolán, en «Saudade de ti»

Esta noite, a partir das 22.40 horas, novos capítulos de «Saudade de ti» na TVG

03 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Saudade de ti comeza cun accidente mortal. Unha das vítimas é Uxía Eiroa, a prometida de Lucho, personaxe interpretado por Alberto Rolán. Despois do tráxico suceso, el encontraba consolo en Elba, a irmá da falecida, interpretada por Cristina Andrade. Entre eles xorde unha inesperada atracción e, para poñer fin a unha relación que consideraba inadecuada, Lucho abandona Abrente. Pero agora que Elba está enferma, el regresou para apoiala.

—Como vai a saúde de Elba? Poderá recuperarse de aquí ao final da temporada ou terá un final tráxico como o tivo a súa irmá Uxía?

—[Cristina Andrade] Elba ten unha grave enfermidade e, a pesar das dificultades, mantén unha actitude positiva. Iso é moi importante, pero tamén necesita atopar con urxencia un doante compatible. A súa vida está en perigo.

—Despois da súa estadía en Uruguai, Lucho parece reformado. Será o seu ril o que salve a vida de Elba? Que futuro lle ves a vosa relación?

—[Alberto Rolán] Lucho é un home atormentado polo seu pasado. Carga cun gran sentimento de culpa que lle impide ser feliz e necesita redimirse. Por Elba estaría disposto a todo, pero cre que namorarse dela non é axeitado. Elba é a irmá da súa defunta prometida. Ademais, entre eles hai unha diferenza de idade considerable. A Lucho gustaríalle estar con Elba, pero está convencido de que a ela non lle convén un tipo coma el.

—Que futuro lle ves a Elba con Lucho? Cres que facedes boa parella?

—[C. A.] O que hai entre eles é moi puro. E todo o que están vivindo xuntos está reforzando a súa relación. Xa demostraron un apoio incondicional o un polo outro. Entre eles hai amor verdadeiro. Se non funcionamos como parella, deberíamos quedar como amigos.

—Elba é un dos personaxes máis queridos polo público. A que cres que se debe?

—[C. A.] Elba é un ser de luz, un cacho de pan. É unha persoa que sempre se presta a axudar, que escoita, que é leal... Pode que sexa algo inxenua, pero tamén ten a súa pillería. Quen non querería ter a alguén así na súa vida?

—Como pai da filla de Celia, quen cres que sería mellor parella para ela: Raúl ou Santi?

—[A.R.] Tal e como están as cousas eu non descartaría que Celia busque refuxio noutra persoa...