Christian Escuredo: «David é un sedutor sen medo a xogar con lume»

N. a. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

David (Christian Escuredo) sácalle partido ao seu físico en «Saudade de ti»
David (Christian Escuredo) sácalle partido ao seu físico en «Saudade de ti»

Este luns, ás 22.40 horas en Televisión de Galicia, estrease un novo capítulo de «Saudade de ti»

19 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte estreouse a segunda temporada da serie Saudade de ti, que se emite de domingo a martes na Televisión de Galicia a partir das 22.30 horas. Christian Escuredo interpreta a David, un lobo con pel de cordeiro que vén conquistar no só aos espectadores, senón tamén a dúas das protagonistas da serie.

—David vai revolucionar Abrente pero, como é?

—Sempre digo que é un pouco camaleón, compórtase de maneira moi diferente dependendo do que quere conseguir de cada persoa. É un personaxe que ten moitas máscaras, especialmente cando ten que facer algunha das súas. Aí si que é un lobo en pel de cordeiro…

—Podémonos fiar del ou ten un lado escuro?

—Máis que un lado escuro, ten un pasado escuro. David chega a Abrente con Belén, a súa nai e a moza de Isidro, fuxindo de algo que fixeron en Mallorca. Pero eu non diría que David é malo, senón que é froito das experiencias que experimentou ao longo da vida. Supoño que a vida tivo que tratalo moi mal para que tivese que converterse en quen é.

—É o noivo perfecto para Elba, tal e como cre Teresa?

—A verdade é que trata moi ben a Elba, a pesar dos enganos… Teño que xustificar o meu personaxe, sintoo (ri). Outra cousa é se eu me comportaría coma el, e desde logo, penso que Christian sería máis sincero, pero claro, as circunstancias son as circunstancias…

—É dicir, que é un seductor, vai conquistar a máis mulleres de Abrente?

—Si, é un sedutor nato. Dáselle moi ben e sábeo, por iso xoga moi ben as súas cartas con esta ferramenta. E si, as súas conquistas non se van limitar a Elba, que é unha boa rapaza.

—Non nos vai a dicir quen é a outra conquista?

—Só vos direi que David sempre apunta alto, non ten medo a xogar con lume e, desde logo, sempre busca sacar proveito das súas relacións. E con proveito quero dicir cartos. E cantos máis mellor.

—Entón, se tivese que elixir entre o amor e os cartos, que escollería?

—Pois ese é o dilema da viaxe de David. Responder sería desvelar gran parte da trama, así que o único que podo dicirche é que sempre está en conflito, entre o amor e o diñeiro, entre o poder e a liberdade…

—E o sexo? Só é unha ferramenta máis?

—O sexo é o arma para conseguir os seus obxectivos. Aínda que algo de pracer e xogo penso que si hai, senón menudo aburrimento… (ri)

—David vai cambiar Abrente ou quizais Abrente consiga cambiar a David?

—Que curioso que me preguntes isto porque moitas veces o pensei! De primeiras creo que trata de cambiar o statu quo de moita xente da vila para conseguir o que quere, pero… paréceme moi bonito e humano pensar que lle pasen cousas no corazón que o fagan reflexionar, aínda que sexa incómodo para el.