Os micólogos galegos urxen unha formación regrada «para sacarlle rendemento aos cogomelos»

Alejandro Mínguez
Alejandro Minguez LA VOZ / AS PONTES

SOCIEDAD

ALBERTO LÓPEZ

En Galicia non existe a posibilidade de cursar ciclos formativos ou certificado de profesionalidade 

09 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

 Os micólogos galegos, que este xoves pecharon a Semana Micolóxica de Galicia nas Pontes de García Rodríguez, reclaman á administración autonómica a regulación da formación en materia micolóxica, que permita avanzar no desenvolvemento económico de actividades asociadas, como o micoturismo ou os aproveitamentos micolóxicos e forestais.

Esta cita, de carácter anual e itinerante, acolleu distintas saídas e obradoiros, abertos aos cada vez máis afeccionados ao mundo dos cogomelos, pero tamén conferencias e mesas de debate profesionais nas que se puxeron de manifesto as importantes carencias en materia formativa oficial que existen en Galicia. Malia a riqueza botánica que hai nas catro provincias galegas, o seu aproveitamento económico é residual e os expertos reunidos nas Pontes sinalan a ausencia de formación como unha das principais causas. En Galicia non existe a posibilidade de cursar ciclos formativos ou de obter o certificado de profesionalidade en materia micolóxica, como si existe noutras comunidades próximas, caso de Castela e León ou A Rioxa. Tampoco hai un carné oficial de micólogo.

A presidenta de honra do Grupo micolóxico galego e doutora en micoloxía, Marisa Castro, reclama a intervención da administración («temos que espertar conciencias da administración executiva e lexislativa») para que exista unha formación oficial onde todos os implicados: recolectores, restauradores ou cultivadores teñan un documento acreditativo da súa formación. A federación micolóxica galega, que preside Chemi Traba, elaborará un documento formal para trasladar á Xunta de Galicia a necesidade de corrixir esta carencia e poñernos ao nivel doutras comunidades para competir e sacarlle rendemento aos cogomelos.

Proporán un deseño curricular de micólogo a través de certificacións profesionais ou cursos oficiais, semellantes aos que se desenvolven para a aplicación de produtos fitosanitarios e que poida tramitar a Axencia de Calidade Alimentaria. Coinciden nesta cuestión promotores de iniciativas micolóxicas en comunidades de montes, hostaleiros, organizadores de xornadas micolóxicas e todos os colectivos implicados, que urxen a profesionalización do sector por medio da formación oficial. Esta formación evitará tamén, en boa medida, casos de introxicacións por cogomelos, como os que teñen lugar cada ano en Galicia.

Outra das reivindicacións feitas polos membros da federación foi que, de cara a unha segunda fase, o papel da administración terá que ser fundamental en materia de promoción turística, tal como llo trasladaron á representante da Axencia Galega de Turismo, Carmen Pita, na cita das Pontes.