Natalia Barreiro, investigadora da vacina galega contra o covid: «Sei que terei que marchar»

SOCIEDAD

cedida

A gañadora dun dos premios da Xunta ao talento mozo asume que a precariedade laboral tenlle os días contados en Galicia

31 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Remata o ano cunha entrevista de luz e escuridade. Natalia Barreiro (Vedra, 1989) traballa arreo para sacar adiante unha vacina galega contra o covid dende o Ciqus da USC. Iso valeulle o recoñecemento da Xunta cun premio ao talento mozo. Pero sabe que, nun ano, acáballe o contrato e que o máis seguro é que teña que saír de Galicia, pode que de España.

—Moitos parabéns?

—Moitísimos. Chamoume moita xente e no centro onde traballo, tamén. Comunicáronmo un venres e estiven todo o fin de semana encantada da vida.

—Por certo, como vai a vacina?

—Fixemos as probas en ratos e non foi todo o ben que esperabamos, así que estamos facendo algunhas modificacións para mellorar a eficacia.

—Un pasiño atrás.

—Xa. O que pasa é que somos moi poucos traballando; non é como unha gran empresa. Así que cando aparecen problemas somos menos xente para intentar solucionalos.

—Ao paso que vai o covid haberá oportunidade para probar moitas vacinas.

—Si. Pero nós non estabamos na carreira de sacar a primeira vacina. Aínda que se o sistema funciona e dá bos resultados sempre quedará aí. O noso sistema está patentado polo noso laboratorio. Traballamos coas proteínas do virus.

—Tocoulle cerca o covid?

—Persoalmente non, pero o esquivei porque meus pais e meu irmán si o colleron. Este mes collérono todos os da casa. Eu penso que vai quedar entre nós como unha gripe. Pode que sexa o virus o que non esta interesado en matar ás persoas para poder transmitirse.

—Non estará interesado, pero se non fora polas vacinas, xa estaba matándonos a todos outra vez.

—Si, si, claro. As vacinas adestran ao corpo para que, en canto haxa a infección, actúe contra ela.

—Xa leva sete anos no Ciqus...

—Si. En canto acabei a carreira fixen o máster aquí. Quedeime a facer o doutorado e xa levo case tres anos dende entón.

—Cando entrou non imaxinou que traballaría nunha vacina para frear unha pandemia.

—Non. Eu creo que ninguén imaxinou que ía a pasar isto.

—A pandemia non ten nada de bo, pero profesionalmente debe ser estimulante traballar nesto.

—Si, si. Cando nos deron o primeiro proxecto para empezar a traballar estivemos so dúas semanas de corentena. E sentímonos moi afortunados de poder saír de casa e viñamos traballar motivadísimos. Fines de semana incluso.

—A xente do seu perfil, xoves, con talento, con futuro, están sempre sometidos a incerteza da precariedade. Preocúpalle iso?

—Si, claro. Ao fin, eu vivo sempre con contratos temporais. Chega un momento en que pensas que conseguir estabilidade en España é moi complicado e desilusiona un pouco. As veces quítache as ganas. Pero estamos todos así. Se che queres dedicar a isto tes que saber ao que te enfrontas. O que van a conseguir é que cada vez haxa menos xente que se dedique a isto. Estás moito máis valorado fóra que aquí.

—Valorou saír fóra?

—Si. A min gustaríame quedar aquí. Pero chegará un momento no que terei que irme porque non creo que chegue a máis que a estar contratada temporalmente. Estouno retrasando o máximo posible porque non me apetece marchar.

—O da por inevitable.

—Si, si. O teño moi claro. Sei que terei que marchar, pero mentres poda estar aquí, quedarei.

—Ten ofertas para marchar?

—Non, pero aínda non busquei. En realidade eu tiña contrato ata o mes que empezou a pandemia.

—É lamentable isto.

—Si, pero toda a xente que está na investigación está nunha situación parecida.

—O cal é mais lamentable.

—Cando comezas xa sabes un pouco onde te metes. En Europa valórante moitísimo máis.

—Como se ve dentro de vinte anos?

—Uf, non sei. Supoño que fóra de aquí, porque aquí teño o tempo contado. Ou pasarme a empresa e deixar a investigación académica.

—Que vai facer en noitevella?

—Na casa, cos pais e algún familiar. Xuntarémonos seis ou sete. Tampouco se pode facer moito máis. Non son de saír moito.

—En Vedra. E vostede logo unha nena de aldea.

—Home! Por suposto.

—Celta ou Dépor?

—Eu non son de fútbol, pero xa que pregunta, Celta.

—Qué lle gusta facer cando non traballa.

—Sobre todo ver series. Escoitar música, ir ao cine. Pasear e viaxar, dende logo.

—Fai algo de deporte?

—Pouco. Non é o meu forte.

—Como se definiría en poucas palabras?

—Bastante traballadora, comprometida co traballo e responsable.

—So cousas de traballo.

—Si. É o que basicamente fago todo o día.

—Sabería facer unha empanada?

—Home, eu penso que si. Malo será! Ademais hai vídeos de Youtube para todo. Aínda que prefiro facer postres. Ao final é como traballar nun laboratorio.

—Dígame algo que lle resulte repugnante.

—Non me gusta nada que a xente fale sen coñecer. O cuñadismo.

—Cal é o lugar onde se sente feliz.

—O salón da miña casa. Síntome cómoda e protexida. En casa dos meus pais tamén.

—Se fora presidenta do Goberno, o seu primeiro decreto sería para...

—Investir máis cartos en investigación.

—En que lle gustaría mellorar?

—Son algo negativa. Eu digo que son realista, pero son un pouco negativa.

—Tatuaxes?

—Si. Catro.

—Unha canción...

—[Pensa moito] La luna me sabe a poco de Marea.

—O máis importante na vida?

—As persoas que tes arredor. Que sexa xente que te aporte.