María Roja: «Sofía emula as estratexias tradicionais do mundo criminal»

h. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A actriz interpreta a Sofía, unha das personaxes que viviu una sorprendente evolución na serie de Voz Audiovisual

23 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo Televisión de Galicia emite a partir das 23.45 horas un novo episodio de Método Criminal, a serie de humor negro de Voz Audiovisual na que a personaxe que interpreta María Roja viviu unha evolución sorprendente.

-A personaxe de Sofía é a que máis evolucionou en «Método Criminal»?

-Eu creo que si. O cambio de Sofía é máis que evidente porque coñeciámola sendo unha muller en estado depresivo, adicada a un traballo de maquillar cadáveres que odiaba e suxeita a unha situación familiar da que no podía escapar sen expoñer a súa vida. Agora o que nos atopamos é a unha muller que foi forzada a tomar as rendas dun clan mafioso pero, nese camiño, descubriu varias cousas que non coñecía dela mesma. Descubriu que é unha muller intelixente, que é unha muller capaz de facer calquera cousa por defender a xente que ama, e que tamén é unha muller capaz de facerse respectar nun mundo de homes. Creo que neste momento atopamos a unha Sofía que nese exercicio de poder síntese ben (ri).

-En que consistiu ese cambio?

-Para min o cambio real de Sofía é que pasou de ser unha muller que non tiña nada ao que agarrarse para pasar sentirse unha muller válida cunha vida plena. Agora mesmo ela síntese feliz porque atopou algo para o que vale. Fíxate que non creo que a actividade delitiva sexa o que a ela estalle dando este momento de felicidade vital. Creo que o que a motiva é o feito de sentirse capaz de levar a cabo unha misión tan perigosa e saír airosa desas situacións.

-Como é como líder?

-Penso que é moi intelixente. Ela trata de emular as estratexias tradicionais do mundo criminal pero lévaas con máis respecto cara a xente que traballa con ela. Eu creo que ela é máis coidadosa e desde logo non deixa de lado a única muller que traballa para ela e na que confía moito máis que o resto.

-En que momento foi o seu punto de inflexión?

-Creo que o antes e despois na situación de Sofía marcouno o momento no que Damián foi detido. Sofía estaba perdida e non sabía que facer, pero a responsabilidade era súa e tiña que saír adiante. Eu creo que aí foi cando comezou o cambio de verdade e tomou conciencia de que as cousas tiñan que cambiar.

-A súa reconciliación con Damián e Tuco pode afectar a posición de Sofía?

-A Sofía non lle gusta nada Tuco. Ela pensa que non se pode confiar nel e que é perigoso, algo que xa quedou demostrado. Non son pensamentos sustentados en nada porque por culpa de Tuco, tanto Damián como Sofía estiveron en perigo. Sofía pensa que a reparación de Tuco ten que ver con facerse co control do clan. Isto pode poñer en perigo a posición que Sofía ten neste momento. Así que nin no familiar nin no profesional lle chista nada esta presenza (ri).

-Como viviches esta evolución como actriz?

-A verdade é que foi bastante difícil este traballo porque polo ritmo de gravación a vella Sofía coincidía no mesmo día coa nova Sofía, entón había que mudar tantas veces de pel no mesmo día que tiña que traballar con moita concentración. Dar o aire de credibilidade que eu pretendía foi o máis complicado. Tiña que entenderse que non era un cambio superficial senón que respondía a unha necesidade de supervivencia.

-Que atoparán os espectadores no episodio deste domingo?

-Hai que estar moi pendentes de Método Criminal porque hai que ver o que pode supoñer a reconciliación entre Damián e Tuco e como pode afectar a Sofía. Está claro que as cousas non van seguir igual e haberá que ver que é o que ocorre coa serie dos irmandiños que non acaba de despegar. Está claro que estas tramas resolveranse cunha dose de loucura e divertimento que non podemos perder (ri).

-Hai pouco tiveches as primeiras funcións de «Soga e cinsa», como foi a acollida do público?

-Este espectáculo de Aporía escénica é unha peza que trata sobre a caza de bruxas en Europa e de momento a acollida foi moi calorosa e estamos moi contentas co traballo. Somos once mulleres en escena e con motivo desta situación pandémica só puidemos estar en Santiago, aínda que temos previsto acudir á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. E neste momento estou ultimando, en colaboración con Alba Blanco, a peza de perfomance Rastrexo en 570 pasos que imos estrear o 23 de maio no festival escenas do cambio de Santiago.