Adrián Castiñeiras: «É doado rirse dun mesmo se é con elegancia e en ''Método criminal'' haina»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O actor paródiase a si mesmo no novo episodio da comedia negra que emite TVG este domingo, ás 22.30 horas

14 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo, a partir das 22.30 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio de Método criminal no que o actor Adrián Castiñeiras interprétase a si mesmo. Tamén compaxina a súa faceta como actor coa escritura de guión e produción en Kraken Films, a produtora que comparte co actor Fernando Tato.

-A que se enfronta a personaxe Adrián Castiñeiras no episodio deste domingo?

-O capítulo deste domingo é clave para a miña personaxe por dous motivos. O primeiro é que a súa integridade física corre perigo, ou iso é o que el pensa. Vai pasar de facer películas de secuestros a vivir un secuestro nas súas propias carnes e aí veremos se ten madeira de heroe, que é o que dicía no episodio anterior. E o segundo motivo é que vai chegar a personaxe de Rosario. Non imos destapar todo, pero digamos que vai ter unha relación moi interesante e moi cómica con ela [ri].

-Aparte do nome, que comparte co seu personaxe?

-Que me chamaran para facer esta personaxe foi un auténtico orgullo e fíxome moita ilusión. Teño moi claro o que non comparto, pero o que teño en común xa non o teño moi claro [ri]. Eu creo que os dous somos moi idealistas, moi soñadores e moi perseverantes. Os dous adoramos a profesión actoral, temos moito sentido do humor e, no fondo, somos boa xente. Se me poño a enumerar as nosas diferenzas podería dicir que o Adrián Castiñeiras da serie é máis inocente e simple do que o son eu. Xa desde o principio o enfrontei como unha oportunidade para rirme de min mesmo e estivemos moi arroupados durante toda a rodaxe, non tiven problema para expoñer as nosas pequenas miserias en pantalla, para rirnos delas e da profesión en xeral, porque moitas veces o audiovisual ten ese compoñente de seriedade que está ben romper. E logo, na gravación dos primeiros capítulos para dar co ton de comedia había que imaxinarse como respondería eu a situacións moi tolas. Unha das cousas divertidas que ten Método criminal é que os guionistas puxéronnos en situacións moi divertidas e difíciles de imaxinar, pero tiñas que imaxinar como responderías ti nesas circunstancias, e ese foi todo un exercicio moi divertido.

-O mundo da produtora ten un punto paródico do sector audiovisual. É moi difícil rirse dun mesmo?

-Eu creo que é moi doado rirse dun mesmo se é con elegancia. E penso que en Método criminal hai elegancia, porque ten moita auto parodia, sempre desde un punto de respecto e foi moi orgánico facela. Penso que os momentos nos que mellor o pasábamos rodando era cando faciamos bromas sobre nós mesmos e sobre como funcionaba este sector. Cando fas comedia sempre tes o medo de pasarte de freada. Se te pasas pode perderse o chiste e o que é divertido pode pasar a ser de mal gusto. Sempre hai ese medo. Pero os directores traballaron en todo momento o ton no que tiñamos que movernos para que a comedia fose comprensible. O medo tamén estaba en que as bromas da profesión fosen moi internas e non interesaran ao público ou non se entenderan, pero os guionistas preocupáronse para que o público poida empatizar co que está pasando. Ademais esta profesión está tan exposta e sábese moito como se fan as cousas, que tamén hai moito mito con isto.

-Polo que levamos visto ata o de agora, as tramas da produtora foron gañando máis peso na serie. Chegará un momento no que os dous mundos se entrelacen?

-Cando prantexas unha serie con dous universos tan diferentes e separados o máis bonito prodúcese cando eses dous mundos chocan. E isto é moitas veces o que están agardando os espectadores, que os personaxes dos dous universos se mesturen entre eles para velos nun mundo alleo e no que se producen situacións moi cómicas. Isto é o que vai suceder con personaxes como a de Rosario, que vincula os dous universos, e cando Damián colla intereses na produtora.

-Ademais de ser actor, escribe e produce. Con que queda?

-Son un apaixonado da interpretación e é onde máis desfruto. Tamén é certo que levo xa dous anos escribindo e producindo e iso dáche a posibilidade de participar de forma máis ampla no proceso de creación artística do proxecto. E iso é unha liberdade moi bonita. Tampouco é algo que me pille alleo, porque eu estudei comunicación audiovisual. Neste tempo que levamos coa produtora estannos acompañando os resultados. Hai dous meses gañamos o premio da Asociación Sindical Galega de Guionistas con O fin da verdade, un guión que escribimos entre Fernando Tato, Ozo Perozo e máis eu. Ademais temos un proxecto de serie e tres proxectos de longametraxes con varias produtoras interesadas. Todo este proceso é moi gratificante. pero hai poucas cousas comparables á alegría que che produce unha chamada ofrecéndote un papel.